A austeridade da USC: unha cadeira na biblioteca para cada 20 alumn@s

[Imaxes: Maia]
O estudantado da universidade compostelá vén de iniciar máis un peche na facultade de Historia para manter un servizo de estudo as 24 horas fronte ao desleixo do reitor, Casares Long, e da propia consellaría de Educación. Nas fins de semana o problema perante a falta de prazas "é brutal", cunha ringleira de até 800 metros de persoas que quedan sen un oco nas bibliotecas máis grandes


Tan pronto como puxemos un pé dentro da facultade de Historia de Compostela, un aviso pintado en papel xa nos advertiu do que iamos atopar dentro: Feijóo, escoita, o ensino está en loita. Andando os corredores chegamos até unha sala de estudo onde tres estudantes tomaron o relevo d@s que pasaron a noite no centro. E é que tal e como explican Raúl, Sara e Adrián, do que se trata é de manter viva a acción, que durará cando menos até que rematen os exames. Mais, por que se queixa o estudantado?

"Porque hai un problema brutal coa falta de espazo nas bibliotecas", conta Adrián, exemplificando a súa afirmación co acontecido este sábado na Concepción Arenal, ubicada no Campus Sur e unha das dúas --xunto con Económicas-- que se habilitan para estudar polas noites durante a semana. A fin de semana o horario é, para todas, de dez da mañá a tres do serán.

Así as cousas, a ringleira de estudantes que o sábado quedou sen unha cadeira e un bocadiño de mesa "chegaba até a facultade de Químicas", por volta de 800 metros. Calculan que xuntando todas as bibliotecas dos campus composteláns "tocariamos a un posto de estudo para cada 20 alumnos".

  • Políticas "contra" a universidade pública

Con todo, aínda que o desleixo do reitor da USC Juan Casares Long e da propia consellaría de Educación é o albo das protestas do estudantado, non esquecen tampouco as políticas educativas "contra a universidade pública" que fomentan ambas as dúas institucións.

Tense queixado Casares Long de que a universidade compostelá está "politizada", mais Raúl, Sara e Adrián teñen outra explicación para as constantes protestas que as organizacións estudantís argallan contra o reitor.

"Non lle rebentamos os plenos porque nos caia mal senón porque as súas políticas van claramente contra nós e contra o ensino público", subliña Sara.

Acrecenta Adrián que o reitor da UdC, Xosé Luís Armesto, "non ten que enfrontarse día si día tamén co estudantado" e, malia recoñecer que non ten a débeda da USC, lembran que "tamén ten menos recursos".

  • ''Había que reactivar o peche de maio de 2012''

Non é o primeiro peche que se fai na facultade de Historia. En maio de 2012 o estudantado xa escolleu o encerro como acción de protesta perante o desleixo do reitor compostelán. Xa daquela os postos de estudo eran insuficientes, e Casares Long comprometeuse a habilitar máis unha biblioteca. Porén, malia que pasou xa case un ano, a posibilidade de abrir a ubicada na facultade de Filosofía colocouna riba da mesa aínda agora.

"É un logro para nós, porque levamos só oito horas pechados e xa conseguimos que abra a biblioteca, se a abre finalmente", sosteñen @s estudantes, se ben revólvense porque serían unicamente 40 prazas máis. "Podería encherse só cos alumnos do noso mestrado", apunta Raúl, que prepara un exame para unha materia de nome pouco atractivo: Modelos de acumulación e cambio estrutural. Aínda que avaliarán nunha asembleia a repercusión deste paso á fronte do reitor, todo apunta a que o peche seguirá activo "porque temos que seguir garantindo un espazo de estudo as 24 horas" até que finalicen os exames.

  • PAS e PDI, co estudantado: a sombra dos recortes podería deixar 250 traballador@s na rúa

Desta volta non estarán soas nin sós. Traballador@s de PAS --Persoal de administración e servizos-- e de PDI --Persoal docente e investigador-- transladáronlles o seu apoio e a intención de facer público un comunicado segundo o cal secundarán o peche "formalmente", e non a título individual como aconteceu até o de agora.

Segundo as cifras feitas públicas pola sección sindical da CIG na USC, o "severísimo" recorte que a Xunta do PP prepara para as universidades públicas da Galiza ascende a 21,7 millóns de euros, dos cales 15,7 serían zugados dos salarios. A central nacionalista calcula que por volta de 250 PAS e PDI poderían perder o seu posto de traballo se os Orzamentos son finalmente aprobados.

Voltando á protesta estudantil, en Lugo a biblioteca de referencia para o alumnado universitario é a Intercentros. Ten cinco salas de estudo, mais só unha fica habilitada durante as fins de semana, polo que o panorama é semellante ao de Compostela. Desde a reitoría reproducen o argumento da austeridade e da falta de diñeiro para xustificar o seu desleixo. 



Segundo conta Adrián, que estivo presente no último Consello de Goberno e tivo esta mesma discusión con Casares Long, o reitor quéixase de que estudantado que non está matriculado na USC ocupe postos de estudo nas bibliotecas vinculadas a esta universidade.

"Colocaron un lector na Concepción Arenal para que ninguén poida acceder sen o cartón de alumno da USC", informa Sara, quen alega que o alumnado de ensino medio "non ten outra biblioteca a onde ir estudar".

  • Cando a banca tamén pecha bibliotecas

A estudante de Historia da Arte recalca que na capital de Galiza non hai a día de hoxe practicamente ningunha biblioteca que abra polas noites, nin sequera as públicas. "As de algún museo e pouco máis", di Sara, en referencia á do museo Eugenio Granell "que debe ter unhas doce prazas". A biblioteca de Caja Madrid "abría día e noite" até que foi pechada por Bankia. A moza aproveita para facer unha crítica á propia organización do peche, crítica que Adrián non partilla.

Di Sara que "empezamos moi tarde e desantendemos o alumnado de Grao, que rematan antes as aulas". E responde Adrián que "non é responsabilidade nosa manter un espazo de estudo, quen os desatendeu foi a USC e a Xunta". Acrecentan amb@s que cando Casares Long dispuxo o horario extraordinario de bibliotecas, o 2 de xaneiro, na UdC "xa levaban tres semanas con el".

Polo de agora o peche non está a ser multitudinario, e Sara atribúeo á "falta de compromiso" pois, como ben di, "é unha acción que vai máis aló de estar aquí unhas horas mirando cara a uns apuntamentos". Sen contradicir a súa compañeira, Adrián fala tamén da "desideoloxización" do estudantado, se ben apunta a que a medida que vaian pasando os días a protesta irá medrando.

  • Unha noite xogando ás cartas con Prosegur

Coa cabeza posta no acontecido no peche da biblioteca municipal de Ourense a finais de maio de 2012, cando os antidisturbios disolveron pola forza a mobilización estudantil, Raúl, Sara e Adrián lembran que "a policía na Universidade non pode entrar" sen autorización expresa do reitor, e cos traballadores da empresa de seguranza Prosegur non tiveron "ningún problema".

Din que lles trancaron as fiestras porque no peche de maio entraban por elas, xa que a reitoría mandara pechar as portas de acceso á facultade, mais desta volta as entradas están abertas. "Os de Prosegur están tan queimados coma nós", di Sara. E debe ser verdade, pois ás noites, na facultade de Historia, seguranza e estudantado matan o tempo xunt@s, botando partidas de cartas.