Galiza: O país dos 10.000 ríos?

Rio Miño. (Foto: Nós Diario).
A Galiza conta cunha gran cantidade de ríos debido ás elevadas precipitacións que caracterizan o seu clima.

A Galiza é coñecida como o país dos mil ríos, e non é de estrañar. En concreto, sobre o territorio galego decorren cerca de 10.000 ríos, con diversas características dependendo da vertente.

Na Galiza hai dúas vertentes: a atlántica e a cantábrica, ambas as dúas con ríos caudalosos e con gran potencial erosivo e transportador. A pesar de que os ríos son escasos na superficie terrestre, o territorio conta cunha gran cantidade deles debido ás elevadas precipitacións que caracterizan o seu clima. Grazas a este mesmo clima, os caudais mantéñense estábeis e abundantes durante todo o ano, sendo escasas as épocas de estiaxe. Un gran condicionante dos ríos é o relevo, que depende de variábeis como a composición das rochas ou a vexetación, que fai variar tanto a forma como a forza e a lonxitude do curso da auga.

Para estabelecer as características dos ríos, dependendo da vertente, hai que ter en conta a disposición do relevo no páis. As grandes cadeas montañosas encóntranse no sureste do territorio, no punto oposto do océano atlántico. Polo tanto, a vertente atlántica, caracterízase por ríos cun longo percorrido, como é o caso do Miño, o río máis longo da Galiza con 340 km. O caso de río Miño pódese considerar especial xa que, a pesar de nacer na serra de Lugo, o seu camiño emprendeuno cara o sur, desemboca en Tui.

Está considerado un río curto pero caudaloso, cun caudal na desembocadura duns 340 m3/s, competindo con grandes ríos como o Ebro, Douro ou Texo, cunhas cuncas hidrográficas moito máis grandes. En concreto, a cunca hidrográfica do Miño é de 17.757 km2, mentres que a do Ebro rolda 86.000 km2 e ten un caudal de 464 m3/s. Se falamos de ríos galegos non podemos esquecernos do principal afluente do Miño: o río Sil. O río Sil nace na cordilleira Cantábrica, cerca de Pena Orniz e percorre un total de 233,9 km até o río Miño. O río Sil xunto co seu canon, supuxo durante anos a única entrada posíbel a Galiza desde a meseta polo macizo galaico-leonés, xa que aquí se daban as elevacións máis baixas de todo o conxunto.

Ademais de conter o río máis famoso da Galiza, a vertente atlántica ten outros elementos moi famosos como as rías. En concreto as Rías Baixas, formacións de moita sona, debido ao marisqueo e a actividade pesqueira nelas. Os produtos que de aquí se comercian, destacan pola súa calidade e son un prato ben acollido por todos, tanto na Galiza, como no resto de España. As rías de Muros e Noia, Arousa ou Pontevedra son o final dos ríos Tambre, Ulla e Lérez respectivamente.

Estes ríos teñen unha gran relevancia no sector pesqueiro pero, a pesar disto, sofren continuas contaminacións como indican sucesivos informes sobre a calidade da auga de asociacións ecoloxistas. Outro río con gran renome nesta vertente é o Eume, o cal se atopa nas Fragas do Eume, espazo protexido como Parque Natural. Foi protexido xa que é un exemplo ben conservado do que era o bosque atlántico europeo, o cal está case desaparecido.

O caso da vertente cantábrica, o relevo encóntrase moito máis próximo a costa. A vertente cantábrica correspóndese co que coñecemos como a Mariña lucense, a cal está clasificada como Rasa Cantábrica. Unha rasa é unha superficie de abrasión mariña, a cal se adentra 3 km noEume continente, durante estes 3 km non se dan grandes elevacións. É a partir desta marxe aproximada de 3 km onde comezan a xurdir as primeiras montañas.

Polo tanto, tendo en conta este relevo, os ríos que aquí nos encontramos son curtos, cun tramo alto e escaso e un tramo medio e baixo que transcorre pola rasa. A pesar do seu curto percorrido, os ríos desta vertente caracterízanse por ter un gran caudal rozando o torrencial, e como consecuencia, o seu potencial erosivo dispárase. Nesta vertente, destacan ríos como o Eo, Sor, Landro, Ouro, Masma e as correspondentes desembocaduras, formando a ría de Ribadeo, ría do Barqueiro, ría de Viveiro, ría de Fazouro e a de Foz.

Debido aos quilómetros que abarca, a maioría dos ríos rematan no Océano Atlántico, deixando relegados a un segundo plano os que rematan no Mar Cantábrico. O relevo galego está repleto de fracturas, debido aos procesos de oroxénese que foi experimentando desde a herciniana. Os cursos fluviais aproveitan estas fracturas do terreo para decorrer por elas xa que opoñen unha menor resistencia que aquelas zonas nas que se ten que formar o leito do río. Ao igual que os ríos, utilizan as facilidades brindadas polo terreo para seguir o seu curso natural cara a desembocadura. As persoas tamén utilizan estas mesmas facilidades para abastecerse de auga.

Un dos grandes debates que leva anos encima da mesa son os encoros. Neste tema, ningún dos ríos galegos se escapa, tendo unha gran porcentaxe deles, presas en distintos puntos do seu curso -dependendo da lonxitude-. Claramente, como dixemos antes, os que máis número de encoros teñen son aqueles pertencentes á vertente atlántica, debido a súa lonxitude e a cantidade de poboación que se debe de abastecer. A ninguén se lle escapa que isto ten unhas grandes consecuencias, tanto sobre a poboación como sobre a diversidade no propio río e na contorna. Foron abundantes as noticias de desaloxo de vilas debido a que se aprobaron plans para embalsar auga de ríos próximos a poboacións, supondo un impacto económico e psicolóxico sobre as persoas e familias alí asentadas.

Ao igual que se produce un impacto sobre a poboación, tamén todo o entorno sofre un gran cambio. Tanto as especies animais como vexetais sofren unha perda do seu hábitat e vense obrigadas a relocalizarse e acondicionarse ás novas condicións que alí se darán.

Por último, ademais dos evidentes impactos que se dan sobre todo no ecosistema, tamén se crea unha nova ameaza, a propia presa. Aínda que os estudos se realizaran dun xeito correcto, a ameaza de rotura sempre está presente e as medidas de protección da poboación en moitos casos son escasas e no caso de producirse o desastre, as consecuencias son fatais para aqueles núcleos situados augas abaixo.