99 ingresos hospitalarios pola Covid nas últimas 24 horas

A cifra de falecidos alcanza xa os 1.608, despois de Sanidade notificar nove falecementos máis nas últimas horas (M. Dylan / Europa Press)

A Coruña ten case tantos casos activos como tiña todo o país antes do Nadal.

Galiza superou este domingo, 24 de xaneiro, o limiar dos mil hospitalizados tras elevarse o total de ingresos de pacientes Covid en 99. Isto prodúcese nunha nova xornada con máis de 1.500 contaxios detectados e co total de casos activos rozando xa os 19.000, outro teito da pandemia que se vén elevando diariamente desde hai máis dunha semana.

Así se desprende da actualización dos datos da crise sanitaria que cada mañá colga a Consellaría de Sanidade con información recollida até as 18 horas do día anterior (neste caso, o sábado 23 de xaneiro).

Nese momento, a área sanitaria máis afectada pola pandemia, a da Coruña-Cee, sumaba xa case tantos casos activos (5.057 tras outro aumento de 231 nun día) como todos os que había en Galiza o 24 de decembro, antes da festas do Nadal e o comezo da terceira vaga da pandemia (ese día había 5.665).

Mais o dato destacado do día é o incremento de 99 pacientes ingresados con respecto aos datos da xornada anterior. Desta maneira, Galiza continúa co seu crecemento exponencial de ingresados e suma xa 1.066 pacientes covid nos hospitais, 150 en UCI (oito máis que o día anterior) Isto é, 327 ingresos máis dos que había a comezos desta mesma semana (46 máis en UCI).

Áreas

Todas as áreas sanitarias presentan incrementos no cómputo de ingresados por encima dos dous díxitos salvo Lugo (+7) e Santiago (+8). Este último distrito sanitario presenta o único dato positivo da xornada en toda Galiza, pois baixan os casos activos totais na área en 23, aínda que a contaxe se mantén próxima aos 3.000.

A maior medra de pacientes ingresados dáse na área con máis hospitalizados, a da Coruña-Cee, onde se elevan a 287 (+23) con 39 na UCI (+1). En Vigo o incremento é de 14 até os 162, dos que, 23 (+1) precisan coidados intensivos.

Santiago-Barbanza suma xa 141 (+9) pacientes hospitalizados, 29 en críticos (+2); aínda que este domingo a superan tanto a área de Ourense-Verín-O Barco, que acumula 155 ingresados (+14) con 12 deles na UCI (+2); como a de Ferrol, que suma 145 (+13), dos que 21 (+2) necesitan coidados especiais.

A continuación vén Pontevedra, que presenta unha suba que deixa o total de ingresados en 117 (+20), 15 en UCI (+2); e, para rematar, o distrito sanitario de Lugo-A Mariña-Monforte, que atende nos seus hospitais a 59 pacientes (+7), dos cales, 11 precisan coidados intensivos (sen cambios).

Máis de 1.500 contaxios detectados

Até as 18 horas do sábado, as autoridades sanitarias detectaron 1.528 contaxios de Covid-19 (por calquera tipo de proba, non só PCR), uns 300 menos que o día anterior, récord da pandemia en Galiza.

Destes novos casos diagnosticados, 1.325 foron por positivo nas 12.500 probas PCR practicadas ao longo da última xornada (1.321.879 desde o mes de marzo). Isto supón unha taxa de positividade de 10,8%, de novo máis do dobre do estabelecido pola OMS para dar por controlada a pandemia. Galiza non baixa de 5% desde o 24 de decembro, superado en todas as áreas sanitarias no último día con máximos de 13,2% na Coruña-Cee.

Foi esta área, a zona de influencia da cidade herculina, a que máis casos novos achegou ao total de Galiza nas últimas horas. De feito, os 449 contaxios notificados pola área da Coruña representan case un terzo do total do país, aínda que son 100 menos que os que houbo na xornada previa.

En Vigo foron 275 (-79) os contaxios descubertos nas últimas 24 horas. E é que todas as áreas sanitarias diagnosticaron menos casos que na xornada previa, aínda que tamén todas pasaron a centena de contaxios. Destaca a baixada de 148 na área de Santiago, que sumou outros 105.

En Ourense superáronse os 200 con 231 diagnósticos (-33), mentres que en Lugo foron 173 (-15) e en Pontevedra, 134 (-20). Para rematar, en Ferrol houbo 107, 42 menos que o día anterior.

Pasamentos

En Galiza contaxiáronse de coronavirus 86.779 persoas desde o principio da pandemia. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, cun total de 19.779 diagnosticados, seguida de Vigo (16.868), Santiago-Barbanza (14.177), Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (11.937), Lugo-A Mariña-Monforte (9.232), Pontevedra-O Salnés (8.978) e Ferrol (9.232).

Do total de persoas afectadas pola Covid-19 curáronse 66.188 ─813 nas últimas 24 horas─, en tanto que que a cifra de falecidos alcanza xa os 1.608, despois de Sanidade notificar nove falecementos máis nas últimas horas.