Nova Estratexia galega de mobilidade da Xunta

95% das viaxes diarias da poboación galega realízanse dentro do país

Camións de transporte de mercadorías, na Coruña (Foto: Nós Diario).
Os datos aportados polo estudo que a Consellaría de Infraestruturas realizou para elaborar Estratexia galega de mobilidade revelan que as mulleres galegas se desprazan 15% menos que os homes.

A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade presentou onte a Estratexia galega de mobilidade, que marca como obxectivo para o ano 2040 reducir en 5% o número de desprazamentos, reducir 10% a distancia das viaxes diarias, rebaixar en 30% as emisións de CO2 e diminuír nun 80% a sinistralidade. 

Para isto, a Xunta da Galiza pretende reducir os desprazamentos con medidas como a implantación do teletraballo e a prestación de servizos a distancia; e impulsar a redución de distancias a través da ordenación do territorio ou de aumentar os servizos e produtos de proximidade. A estes dous obxectivos que fixan como "estratéxicos" suman fomentar o transporte público, incentivar a mobilidade persoal activa (peonil ou ciclista) e impulsar un transporte limpo. 

Nunha rolda de prensa na Consellaría de Infraestruturas, a titular do departamento, Ethel Vázquez, explicou onte que a planificación proposta parte da análise de máis de 200 millóns de datos de dispositivos móbiles correspondentes a 600.000 relacións de tráfico nun total de 783 zonas de transporte. 

As mulleres realizan 15% menos de desprazamentos

Cos patróns de mobilidade obtidos, o estudo concluíu que 95% dos desprazamentos dos galegos e das galegas realízase dentro do país. Ademais, 55% son en menos de 20 quilómetros e Lugo é a cidade que presenta menor relación de mobilidade cos concellos da súa contorna. Por outra parte, a análise tamén revela que no verán increméntanse as viaxes en 30% e que as mulleres galegas realizan 15% menos de desprazamentos que os homes.