O 92% dos abortos na Galiza practícanse na privada

Apenas 260 das 3.351 interrupcións voluntarias do embarazo levadas a cabo en 2014 foron practicadas na rede pública, recoñece o Sergas.

En 2014 leváronse a cabo na Galiza 3.351 interrupcións voluntarias do embarazo segundo os dados fornecidos na Comisión de Sanidade polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, en resposta á pregunta formulada pola deputada do PSdeG, María Ferreiro. Delas, só 260 (7,7%) foron practicadas na rede sanitaria pública. Ou, o que é o mesmo, o 92,3% dos abortos foron derivados a clínicas privadas. No concreto, explicou, a Arce (A Coruña), Castrelos (Vigo) e Isadora (Madrid), coas que ten asinados convenios. 

O Sergas di non dispor das cifras de 2015

As cifras correspóndense co ano 2014 pois o Sergas asegura non ter aínda os dados do 2015. 

Na súa intervención o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, recoñeceu que nos hospitais de Ferrol, A Costa (Burela) e Ourense non se practican interrupcións voluntarias do embarazo "por obxección de conciencia" d@s profesionais ao que a parlamentar socialista retrucou. "É un tema que queima", "non bote a culpa á obxección de conciencia". 

Neste senso, segundo o director da Área de Xinecoloxía e Ostetricia do CHUOU, José Luís Doval, na reportaxe publicada no semanario en papel nº184, continúa a existir un factor "ideolóxico" entre a comunidade sanitaria á hora de practicar abortos nun marco lexislativo, asemade, que permite obxectar á carta. "A lei permite obxectar caso por caso". 

En Ferrol, A Mariña e Ourense non se practican abortos por "obxección de conciencia", dixo Jorge Aboal

Perante esta realidade, Doval reclama "estabelecer grupos profesionais" e "dous centros de referencia, un no Norte e un no Sur" que garantan a práctica das interrupcións da gravidez na rede pública pois, defende, "é moito máis caro mandalas fóra". 

A respeito dos abortos sen asistencia rexistrados no CHUAC e no Arquitecto Marcide de Ferrol, Boal asegurou que se están a desenvolver "auditorías". Porén, non o Sergas non dispón até o momento de nindún dado, segundo defendeu na Comisión de Sanidade. Ora ben, recoñeceu que "o protocolo" que seguen os hospitais galegos "é o mesmo" porque el propio o proporcionou. 

Desde o COF da Coruña, o seu director Xosé Anxo Vidal, asegurou recentemente que "o protocolo do Sergas non coincide cos protocolos internacionais aínda que o diga o señor Núñez, Feijóo para os amigos", dixo con retranca. "É falso, é mentira que se cumpran os protocolos internacionais".