Baixas e corentenas repercuten nun cadro de persoal "extenuado"

900 sanitarios contaxiados en 15 días na Galiza

Persoal nunha imaxe de arquivo (Foto: Oscar J. Barroso / Europa Press)
Máis de 900 profesionais do persoal sanitario deron positivo por Covid na Galiza  nas dúas últimas semanas de 2021. Galiza é o segundo territorio con máis sanitarios que dan positivo nese período, só superada por Nafarroa. E isto dáse nun contexto de escaseza de persoal e extensión da pandemia. 

Máis de 900 profesionais do servizo de saúde galego deron positivo por coronavirus nas dúas últimas semanas de decembro, segundo un informe do Ministerio de Sanidad citado pola cadena Ser. O documento sitúa Galiza como o segundo territorio do Estado español onde máis positivos se rexistraron entre os sanitarios e sanitarias entre 15 e 30 de decembro. Só Nafarroa presentou un rexistro máis aló, con 1.600 positivos. No total do Estado foron case 7.400.

"O persoal sanitario non é alleo á realidade que hai actualmente na Galiza", apunta a Nós Diario Xosé Dios, médico de Atención Primaria e integrante da plataforma SOS Sanidade Pública. "Aquí a pandemia está en cifras de contaxios moi altas e iso tamén pasa entre os profesionais da sanidade", indica.

Na mesma liña exprésase María Xosé Abuín, da CIG-Saúde: "Esa cifra é reflexo da sociedade, onde hai un índice de contaxios preocupantes". De feito, engade, a maioría deses positivos non se dan nos centros de traballo, senón que se derivan das interaccións sociais propias destas datas de Nadal, Fin de Ano e Reis.

O preocupante, o impacto nos cadros de persoal

Os positivos no persoal teñen consecuencias en forma de baixa laboral e de cumprimento da corentena, co impacto que iso representa nun cadro de persoal xa de por si "minguado" e "recortado", en palabras de Dios e Abuín.

Só na área sanitaria de Lugo hai por volta de cen profesionais sanitarios de baixa por coronavirus.

Eses centos de positivos, nun cadro de persoal tan reducido, agrava a situación. Non hai relevo para cubrir esas baixas polos recortes de todos estes anos", lamenta a secretaria nacional da CIG-Saúde.

E iso implica máis carga de traballo para o persoal que está operativo, "e que xa leva tempo sobrecargado", e a lóxica repercusión na calidade do servizo que se presta.

"Polo sen cabeza"

"Falta persoal e a Xunta anda a tomar decisións como polo sen cabeza para tapar o que pasou todos estes anos co desmantelamento de servizos como a Atención Primaria, que agora afoga con esta vaga", critica Xosé Dios. 

A propia Consellaría de Sanidade recoñece esta falla de persoal cando ten que botar man de persoal xubilado. A principios de semana o Sergas anunciaba que 86 médicas e médicos xubilados ían incorporarse para reforzar a Atención Primaria. A maiores, a decisión de que en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo só se atendesen urxencias e Covid xustificouse por parte da dirección dese área en que eses servizos quedaron con menos de 50 % dos seus facultativos e nalgún caso incluso de 33 %.

Antes da irrupción desta sexta vaga, que deixou onte na Galiza 59.691 casos activos, desde a Administración galega avaliábase prescindir de boa parte dos profesionais contratados para combater as primeiras ondas da pandemia. O propio presidnete da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recoñecía no Parlamento da Galiza a finais de outubro pasado que 20% dese persoal non ía seguir.