"O 90% dos servizos de atención á dependencia están privatizados"

(Foto: Arxina)

Denúnciao a Plataforma Galega polos Servizos Públicos da Dependencia, que convoca para este domingo en Santiago unha manifestación por un novo modelo de dependencia e de coidados.

As rúas de Santiago de Compostela acollerán este domingo unha manifestación en defensa dun novo modelo de atención á dependencia e de coidados aos maiores, para trasladar o "clamor" social ante as carencias que presentan os ‘macrocentros’ residenciais que operan no territorio, a falta DE medios e as súas consecuencias no trato que reciben os seus usuarios.

A marcha, que partirá Alameda compostelá a partir das 12 horas, está convocada pola Plataforma Galega polos Servizos Públicos da Dependencia, que busca visibilizar este grande problema que xa existía "antes da pandemia", pero que a incidencia da Covid-19 fixo brotar de forma notable, sinala Paco Vizoso, de Modepen. "Ten que haber unha resposta social ante esta situación e protagonizada polos sectores máis amplos posíbeis", insistiu.

Galiza conta con preto do 90% dos servizos de atención á dependencia privatizados, denunciou Pepe Bernárdez de Vellez Digna, a cargo de fondos de capital risco que á súa vez fanse coas prazas concertadas. Esta situación representa "unha ameaza moi seria", considerou, ao estar directamente vinculados ao ditado de accionistas que buscan "maximizar o beneficio", aínda que sexa á conta de reducir a calidade da atención e os medios.

A situación é "dramática", insistiu Vizoso, que apunta a "contradición de fondo" entre os obxectivos das empresas e as necesidades dos usuarios

"Estas empresas, pensando no beneficio e no aforro económico, non cobren baixas de persoal, días de permiso, nin cobren un traballador social cando se vai un mes de vacacións... O servizo queda sen dar, pero cobrar si que o cobran", sinalou.

Respecto diso, Maribel Barreiro (TRega) advertiu que se observa "unha deterioración continua do servizo" que se presentan nestes centros desde hai anos. Case todos están a cargo do "mesmo grupo" (DomusVi), que ostenta "practicamente o monopolio" e que mantén residencias con condicións dispares e con diversos problemas, nos que o denominador común adoita ser a falta de cobertura de persoal para atender aos usuarios.

Algúns deles contan con 45 auxiliares para 150 persoas, noutros 30 ou 35, engadiu, ademais de insistir na falta de condicións dignas e o seu efecto directo na atención e o servizo prestado aos maiores, que debe ser garantido polo sistema público.

A situación é "dramática", insistiu Vizoso, que apunta a "contradición de fondo" entre os obxectivos das empresas e as necesidades dos usuarios. Esta realidade vívese, especialmente, nos chamados "macrocentros" residenciais con preto de 150 usuarios, nos que "a economía de escala aplícase de maneira moi evidente".

Galiza conta con preto do 90% dos servizos de atención á dependencia privatizados, denunciou Pepe Bernárdez de Vellez Digna, a cargo de fondos de capital risco que á súa vez fanse coas prazas concertadas

Entre as consecuencias desta política, engade, mencionou desde a infantilización dos maiores, que son tratados como números, ou os danos provocados por unha excesiva inmobilización, como que Estado español esta conta con case un 10% de usuarios con casos de úlceras por presión (á cabeza dos países da OCDE neste indicador) ou que se atopa entre os estados con maior porcentaxe de infeccións urinarias.

Vellez Digna lamenta, ademais, que todo isto se está producindo coa "complicidade da Xunta", que estableceu "unha especie de relación tóxica con estas empresas" a modo de "facilitadores" do interese privado en lugar de supervisar que se cumpran as condicións laborais.

Así mesmo, hai uns 5.000 galegos en lista de espera que aínda non están a recibir a atención que deben, case 2.000 deles cun nivel de dependencia severa ou gran dependencia recoñecida. O prazo medio entre que se fai a solicitude e resólvese a avaliación é de 367 días, denunciaron, aínda que posteriormente aínda se tardan meses en recibir o servizo.