A decisión do Estado de cobrar por circular polas autovías impacta na economía galega

895 quilómetros de estrada serán de pago na Galiza

Tramos galegos da autovía A-6. (Foto: European Roads)
A decisión está tomada e a ministra de Transporte, Raquel Sánchez prevé a súa entrada en vigor para comezos de 2024. O Goberno do Estado ten decidido cobrar por circular polas autovías galegas viaxeiros e transportistas. A medida responde as esixencias da Comisión Europea e da patronal das construtoras, Seopan.

A rede viaria galega suma actualmente 335,3 quilómetros de pago. Así, entre estas estradas atópanse algúns das vías con maior densidade de tráfico e máis decisivas para a vertebración territorial do país. Un exemplo disto é AP-9, cuxas obras comezan na década dos setenta, percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa, suma 178 quilómetros e aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado. Idéntica natureza xurídica presenta a AG-55, unha vía de 35 quilómetros entre Carballo e A Coruña, a AG-57, estrada de 22 quilómetros entre Vigo e A Guarda e a AP-53, cun trazado que discorre entre a saída do portádego da AP-9 en Santiago de Compostela e a localidade de Dozón no Deza.

As autovías galegas

A decisión do Goberno do Estado de cobrar aos usuarios por circular polas autovías ampliaría as estradas de pago na Galiza en 559,9 quilómetros. A medida afectaría aos tramos galegos da A-6, coñecida como autovía do Noroeste e principal estrada de conexión entre Galiza e Madrid, da A-8, denominada como autovía do Cantábrico e vía de conexión con Francia por Euskadi, e da A-52, ou autovía das Rías Baixas, que discorre polo sur da Galiza e conecta en Zamora coa A-6. A estas estradas sumaríanse, unha vez executadas, a A-72, vía de 61,5 quilómetros de conexión entre as cidades de Lugo e Ourense e a A-57, unha estrada de 14 quilómetros de circunvalación de Pontevedra.

O impacto deste imposto á circulación na economía dos galegos será importante. De confirmarse a taxa dun céntimo por quilómetro adiantada hai uns meses polo Goberno viaxar da Coruña a Lugo costaría 0,76 euros, de Vigo a Ourense 0,83 euros e da Coruña a Madrid 4,30 euros. Ademais, vai repercutir na seguridade viaria, afirmando o Real Automóbil Club de España(RACE), que suporía un risco para aos condutores “ao obrigar a moitos deles a buscar vías alternativas e máis perigosas” como son as estradas secundarias, onde se multiplica a probabilidade de sufrir un accidente.

A cúpula do Ministerio de Transporte tense manifestado ao respecto esta semana. Así, a ministra, Raquel Sánchez sinalou que a decisión non ten volta atrás e adianta que nuns meses coñecerase o seu contido concreto. Ao tempo, a secretaria de Estado de Infraestruturas,  Isabel Pardo de Vera afirmou en Pontevedra que a decisión “non se pode aprazar máis” e xustificouna como “un imperativo da Unión Europea”. Outro galego da dirección do departamento, o lugués Sergio Vázquez Torrón instou a abordar “con rotundidade” a aprobación da nova peaxe e destacou que esta opción é maioritaria no espazo comunitario.

‘Un sistema fiscal terribelmente inxusto’

Os economistas consultados por Nós Diario discrepan desta posición. A este respecto, o profesor da Facultade de Económicas da USC, Gonzalo Rodríguez sinala que a decisión significa “introducir novos mecanismos regresivos no sistema impositivo”. “Cobrar a transportistas e viaxeiros polo uso das autovías é pór un parche cando o que se precisa e cambiar a roda ou mesmo coche”, destaca Rodríguez, quen sinala que “o problema está no modelo fiscal”. “O Estado español ingresa de media entre seis ou sete puntos menos de PIB ao ano que os países europeos, o que significa en cada exercicio entre 60.000 ou 70.000 millóns de euros. O Estado español ten un sistema fiscal terribelmente inxusto, con algúns tipos moi altos e outros como Imposto de Sociedades moi baixos para determinados niveis de renda”, apunta Rodríguez.

“As dificultades para gravar as rendas de capital desde a década dos 70 está levando a gravar o consumo, introducindo por esa vía a regresividade impositiva e nese contexto e onde se explica a proposta do Goberno de cobrar polo uso das estradas”, afirma Rodríguez, quen considera urxente medidas fiscais que posibiliten prestar os servizos con garantías e sen gravar as rendas máis baixas. Ao tempo, Rodríguez denuncia que “nos queren facer pagar decisións históricas de primar o transporte por estrada fronte a outras medios como os camiños de ferro, decisións que responden aos intereses das grandes construtoras con sede en Madrid, como ACS ou Acciona”.

O economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Adrián Dios cualifica a alternativa formulada desde o Goberno do Estado de “terribelmente inxusta porque na práctica significa aplicar un imposto indirecto e polo tanto profundamente regresivo”. “Realmente estase pondo enriba da mesa esta proposta porque non se quere facer unha reforma fiscal para que paguen os que máis teñen. Isto vai afectar a aquelas persoas que precisan do coche para traballar e por conseguinte o seu maior impacto vai ser naquelas persoas coas rendas máis baixas”.

Un servizo básico

“Se o transporte é un servizo básico debe ser financiada polo conxunto da sociedade como acontece por exemplo, coa sanidade ou a educación”, sinala Adrián Dios, quen considera que a medida ten “unha intención de recadar e non ambiental”. Porén, este non semella o camiño elixido polo Goberno do Estado.