Nove de cada dez adolescentes consomen pornografía: así inflúe na formación de actitudes sexistas

Un mozo buscando material pornográfico no seu ordenador. (Foto: Nós Diario)
Un estudo demostra que a exposición a estes contidos tivo un efecto significativo nas actitudes sexistas, e moitos rapaces afirman tamén que a pornografía influíra nas súas relacións de parella.

Unha investigación liderada pola Universidade de La Laguna, en Tenerife, probou a eficacia dun programa de intervención en poboación adolescente mediante o cal se detectaron actitudes sexistas e algún dos factores que poden desencadealas. No estudo participaron até 723 estudantes de Bacharelato de catro centros escolares —tres públicos e un privado— en varias fases durante a duración do proxecto, entre marzo de 2021 e xaneiro de 2024.

Os achados máis destacados revelan que existe un alto consumo de pornografía nos adolescentes —o 89% dos mozos da mostra—, que se tende a valorar negativamente o comportamento pasivo dunha muller vítima de violencia de xénero, que as actitudes máis sexistas son as que se producen en adolescentes homes e en quen foron expostos ou consomen pornografía, e tamén que a intervención educativa pode ser eficaz a curto e medio prazo para reducir este sexismo.

O proxecto foi financiado por Fundación CajaCanarias e a obra social 'la Caixa' e os seus responsábeis foron os docentes desta universidade Marta Díaz Gómez, do Departamento de Enfermaría, e José Miguel Díaz Gómez, do Departamento de Psicoloxía Cognitiva, Social e Organizacional, xunto con Elena Vila Cortavitarte, matroa do Servizo Canario da Saúde.

A pesar da relevancia do problema, hai poucos estudos que analicen os factores relacionados coas actitudes sexistas en adolescentes. E, aínda que se sabe que os programas integrais de educación afectiva-sexual son eficaces para combater a desigualdade de xénero, hai poucos estudos que avalíen a súa eficacia a medio e longo prazo. Por iso, este proxecto tivo un dobre obxectivo: identificar algunhas variábeis sociodemográficas que predigan o sexismo en adolescentes e analizar o efecto da intervención educativa para promocionar a igualdade e previr a violencia de xénero.

O alumnado de mostra respondeu a dous cuestionarios sobre actitudes machistas, estereotipos e roles de xénero para valorar as actitudes sexistas. Algúns dos ítems cunha puntuación máis alta foron: "A principal responsabilidade dun pai é axudar economicamente os seus fillos", que obtivo un 22,5% de conformidade; "Cando a miña parella se enfada comigo sempre me sinto culpábel" (16,7%); "É normal que os homes namorados sexan celosos" (15,3%), e "Só algúns tipos de traballos son apropiados tanto para homes como para mulleres" (11,9%).

A puntuación foi significativamente máis alta nos mozos en comparación coas mozas, reflectindo así máis sexismo. Ademais, puntuaron máis alto os procedentes doutros países, a maioría de Latinoamérica, en comparación cos de familias naturais do Estado español, e entre o alumnado de centros públicos fronte ao dos privados.

Estas respostas informaban sobre o compoñente explícito das actitudes sexistas, polo que o equipo investigador estimou que podían estar influenciadas pola "deseabilidade social" e, por iso, avaliou as actitudes sexistas implícitas utilizando un relato sobre o cal se pediu opinión ás persoas enquisadas, sen dicirlles que se estaban sendo avaliadas.

O texto describía a interacción entre dous mozos cun compoñente de violencia de xénero e certa ambigüidade: a moza convida o mozo á súa casa e inicialmente acepta manter relacións sexuais. Pero cando verbaliza o seu desexo de non continuar, o mozo forza unha relación non consentida durante a cal ela adopta unha actitude pasiva.

Máis de 50% dos adolescentes considerou incorrecto ese comportamento pasivo da muller nunha relación sexual non desexada. Outro dato destacábel é que o 89% dos adolescentes consumira pornografía, e comprobouse que a exposición a estes contidos tiña un efecto significativo nas actitudes sexistas, con puntuacións máis altas nos dous cuestionarios entre os consumidores, quen tamén afirmaban que a pornografía influíra nas súas relacións de parella.

Intervención

Os 561 participantes de Primeiro de Bacharelato foron asignados aleatoriamente a un grupo experimental que recibiu unha intervención para a prevención da violencia de xénero, ou a un grupo control que recibiu unha charla sobre anticoncepción e infeccións de transmisión sexual. A intervención desenvolveuse en varias sesións, con 15 horas en total, e incluíu charlas seguidas de debates, exercicios en grupo e vídeos para reforzar conceptos chave sobre igualdade e violencia de xénero. Tamén incluíu a lectura dun cómic sobre as manifestacións dunha relación non igualitaria, e unha escape room cuxa finalidade era axudar a descubrir os obstáculos que atoparon as mulleres ao longo da historia na súa loita contra a desigualdade.

Valoráronse os cambios despois da intervención aos seis e aos doces meses, comprobando que no grupo experimental diminuíron as actitudes sexistas, cun descenso especialmente significativo na puntuación das dúas escalas. Tamén mellorou de forma significativa a valoración da conduta pasiva da protagonista muller do relato, forzada a manter unha relación sexual non desexada.

Estes efectos mantivéronse até o final do período de seguimento. Por iso, o equipo considera que este programa de educación afectivo-sexual é unha ferramenta válida para reducir actitudes sexistas en adolescentes e lograr un cambio actitudinal estábel a medio prazo.

Todo o material, a metodoloxía e os resultados do traballo están dispoñíbeis na web de Previogen, co obxectivo de proporcionar ferramentas para abordar nas aulas a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero en adolescentes. Os resultados desta investigación deron lugar a unha tese doutoral que se presentará este ano, un artigo na revista International Journal of Environmental Research and Public Health e varias comunicacións en congresos.