O 87% da poboación galega xa está vacinada contra a Covid

Menores acompañados de seus pais, na porta do recinto ferial Expourense para ser vacinados. (Foto:Rosa Veiga / Europa Press)

A Galiza supera os seis millóns de vacinas administradas desde o inicio da campaña.

A Galiza continúa co proceso de vacinación e alcanza os 6.133.206 vacinas administradas desde que se iniciou a campaña, 12.092 nas últimas horas, das que 1.605 se destinaron a completar pautas.

 

A xornada deste sábado pechou a primeira fase da vacinación infantil despois de que esta segunda feira chegase a última remesa de doses pediátricas

 

Así, segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade este domingo e con datos de até as 18 horas deste sábado, son xa 2.372.129 os galegos coa pauta completa contra a Covid-19, o 87,85% da poboación.

No que respecta á poboación pediátrica, segundo os datos da Consellería, 82.627 nenos de entre cinco e nove anos recibiron unha dose da vacina, así como 114.757 de entre 10 e 14 anos, o que supón un total de 197.384 vacinados entre os dous grupos.

A xornada deste sábado pechou a primeira fase da vacinación infantil despois de que esta segunda feira chegase a última remesa de doses pediátricas; pero a Galiza xa cumpriu, tres semanas antes, o obxectivo marcado polo Ministerio de Sanidade de lograr o 70 por cento de cobertura nesta poboación, segundo datos do propio departamento.

 

Outros datos

Por grupos de poboación, por vulnerabilidade, hai 17.562 cidadáns de alto risco coa pauta completa; 16.325 dependentes non institucionalizados e 27.602 institucionalizados. Pola súa banda, 2.188.423 terminaron o proceso chamados pola súa idade.

Por probabilidade de exposición, 76.226 profesionais do ámbito sanitario teñen pauta completa, 28.722 do sociosanitario e 16.575 traballadores de actividades consideradas esenciais tamén a recibiron.