Multa de 835€ para @s activistas de Ferrol que intentaron pagar a compra co cartón do desemprego

Mobilización diante dos xulgados de Ferrol
A Asemblea de desempregad@s de Ferrol, da cal fan parte @s condenad@s, recorda que a acción simbólica non chegou a concluírse e que o valor dos alimentos non chegaba aos 26 euros. Acatan a sentenza, mais considérana máis unha tentativa de ''criminalizar'' a mobilización social

 

O xulgado de Instrución nº1 de Ferrol resolveu condenar a unha multa de 90 euros a cada unha das persoas da Asemblea de desempregad@s de Ferrol que fixeron parte dunha acción simbólica nun supermercado.

O obxectivo era chamar a atención sobre a emerxencia económica que atravesa quen non ten un traballo remunerado, nomeadamente quen non reciben ningún tipo de prestación. Segundo os últimos datos do Servizo público de emprego, na Galiza son 106.408 as persoas nesta situación.

Así as cousas, @s seis activistas enfrontáronse a un xuízo de faltas imputad@s dun furto, após intentaren pagar coa tarxeta do desemprego nun estabelecemento da cidade alimentos de primeira necesidade --arroz, pasta e legumes-- cuxo valor total non chegaba aos 26 euros. A multa imposta ascende, en total, a 835 euros. Teñen un mes para abonala, en prazos de tres euros ao día, para alén da indemnización que terán que pagar á cadea de distribución, e que ascende a 275 euros.

Na Asemblea de desempregad@s acatan a sentenza, mais consideran que é "inxusta e desproporcionada" e cun obxectivo claro: "criminalizar" a mobilización social e "dar amparo" ás políticas de recortes nos dereitos fundamentais. Recordan que a acción simbólica pola que foron condenad@s pretendía denunciar "a dramática situación" pola que están a atravesar cada vez máis persoas. Por conseguinte, subliñan que "non teñen recursos económicos" para adquirir eses produtos de primeira necesidade "que custodian empresas como Día, véndose obrigados a encarar o camiño da exclusión social".