''A Sánchez Gordillo compárano con Robin Hood e a nós con delincuentes''

Son ao redor de 50 @s desempregad@s que agrupa a asemblea de ferrolterra. co asesoramento da cig, mais desde a iniciativa das propias persoas sen emprego, levan desde o 29M movéndose nas oficinas do servizo de colocación ou nos supermercados. Queren facerse ouvir, demostrar que non están parad@s. Falamos con Raúl Óscar Meizoso e Pedro Grueiro

P: Di a camisola que levas que non queres que che chamen parado.

R: Por suposto! Porque non estamos parados. E a proba é que montamos esta plataforma entre todos os compañeiros. Nin o estamos, nin o somos. Somos desempregados, por causas alleas a nós propios. Chamarnos parados é relegarnos a un estado que non se corresponde coa realidade.

P: Cando nace a Asemblea? Cal foi o detonante que vos levou a vos xuntar?

R: O detonante foi distinto para cada un de nós. O meu concreto derivou de estar no desemprego, non nunha situación de risco de exclusión porque aínda cobro a prestación, mais ollando ao redor si que sabía de moitos compañeiros levaban moito tempo xa sen traballar. Púxenme en contacto co meu sindicato, que é a CIG, e para alén de me informar sobre as reformas laborais e medidas que se levaron a cabo nos últimos anos, preguntei cando nos iamos mover. Non vía resposta social e non vía tampouco unha saída.

P: Cal foi a resposta que recibiches?

R: Déronme a razón e puxéronme en contacto con outras persoas na mesma situación ca min ou peor. Xuntámonos e montamos a plataforma. As primeiras reunións foron entre febreiro e marzo, e oficialmente presentámonos o 29M, na folga xeral.

P: A acción do SAT nun Mercadona ocupou nestes días moitas páxinas na prensa nacional e internacional. Vós emprendestes unha ben parecida en xuño e non tivo impacto. Por que?

R: [Raúl preferiu non falar desta acción ao non ter participado nela. Fixémoslle a mesma pregunta a outro compañeiro da Asemblea, a Pedro, unha das voces da reportaxe de quen mantemos o seu nome real] Nós aquí, na nosa Galiza, fomos tratados de delincuentes, mentres a prensa trata aos do SAT de Robin Hood e comparan a Gordillo con Gandhi. Estamos a perder os dereitos que conquistaron nosos pais loitando contra Paquiño —Franco—, e sen pelexarmos na rúa. Ti pensa que están a patear a Constitución. Onde raio está o traballo digno?

P: Raúl, que pretenden estas accións?

R: Darnos a coñecer, porlle nome e cara a todas as persoas desempregadas. Porque para o Estado somos números de carné de identidade e cifras que saen a final de mes.

P: Queriades retirar unha cesta de comida presentando o carné de desempregad@. Debera ser obriga para o Estado cubrir as necesidades básicas de quen non pode afrontalas?

R: Si, debera ter unha cobertura mínima para esas persoas, esas familias que xa non reciben nin unha asistencia básica en dereitos como a alimentación, a educación ou a sanidade. Loitamos por iso [ri], por un nivel de vida digno.

P: Aireáronse os trapos suxos de Mercadona. Focando a resposta na loita que desde o consumo pode exercerse contra o capital, sería só ese o inimigo?

R: Non! Non imos enumerar nomes e marcas, mais teña o nome que teña o inimigo é o capital. Todas as grandes superficies traballan da mesma maneira e eu penso que teñen unha responsabilidade de cara á sociedade. Mais isto é porque se lles permite!

P: Que medidas laborais considerades de urxente implantación?

R: Pois o subsidio de desemprego universal sería, agora mesmo, algo básico. O pagamento da prestación o primeiro día do mes, que os recibos pásannolos o día 1 a todos, polo que non entendemos cal é o problema para non pagar dez días antes. As reformas laborais son un atentado contra as persoas, así que pedimos a derrogación.

P: Partillar experiencias con outras persoas na mesma situación, axuda?

R: Si, si que axuda. Xa só o feito de atoparnos, falarmos, coñecer as historias de cada unha. Na casa, a cabeza traballa e, aínda que saibas de sobra que non é así, podes chegar a facerte culpábel de estar na situación que estás.