81 aeroxeradores con selo noruegués no Macizo central e a fronteira co Bierzo

Proxección dos parques eólicos Barxas, Prada e Rebordechao, que a norueguesa Statkraft prevé construír na Galiza (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
A compañía estatal norueguesa Statkraft prepara o seu desembarco na Galiza e no Bierzo a través dos parques eólicos Barxas, Prada e Rebordechao, que afectarían numerosos espazos protexidos e especies animais en perigo de extinción. A empresa, con presenza en todo o Estado, só instalará eólicos dentro de territorio galego.

A empresa norueguesa Statkraft, de titularidade pública, prepara o seu desembarco na Galiza e no Bierzo con tres parques eólicos —Barxas, Prada e Rebordechao— que sumarían 81 aeroxeradores e unha potencia total instalada de 445,5 megawatts (MW). Debido ás súas dimensións, os tres están a ser tramitados a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), mais só o de Rebordechao ten aberto aínda o prazo para presentar alegacións —até o vindeiro 21 de setembro—.

Aliás, a Xunta da Galiza informou desfavorabelmente sobre os tres proxectos ao estaren previstos alén das áreas de desenvolvemento delimitadas no Plan Sectorial Eólico.

Barxas

A solicitude de autorización administrativa do parque eólico Barxas foi publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 9 de xuño. De se aprobar, comporíase de 22 turbinas eólicas e unha potencia de 121 MW que se situarían nos municipios bercianos fronteirizos de Barxas, Oencia, Trabadelo e A Veiga do Valcarce; porén, as liñas de alta tensión percorrerían máis de 50 quilómetros (km) nos termos municipais de Larouco, Petín, A Pobra de Trives, Folgoso de Courel, Quiroga, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.

Aliás, nunha área de 20 km os aeroxeradores e o cableado afectarían a Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, e até dous km do Camiño Francés. No que concirne ao impacto sobre a fauna, a empresa certifica a presenza na contorna de até 23 especies recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).

Prada

O parque eólico Prada contempla 31 aeroxeradores cunha potencia total de 170,5 MW, nos concellos do Barco, Carballeda de Valdeorras e A Veiga —sometido a información pública no BOE o 17 de agosto—. Os muíños máis próximos ficarían a dous quilómetros de distancia da ZEC Macizo Central, e a escasos 3,6 km do pico Pena Trevinca, o máis elevado do país.

Así as cousas, 30 das 31 turbinas eólicas situaríanse dentro dunha das áreas delimitadas no Plan de xestión do lobo para a súa protección e do Plan de recuperación do sapoconcho común, hoxe en perigo de extinción. O anteproxecto de Prada tamén alude ao risco de colisión e electrocución das aves e quirópteros que inzan nestes espazos, así como a fragmentación dos seus hábitats, "o que prexudicará a dinámica das poboacións".

Rebordechao

Por último, o parque eólico Rebordechao publicouse no BOE este 10 de agosto, e constaría de 28 aeroxeradores que sumarían 154 MW de potencia instalada e terían un impacto directo sobre as localidades de Laza, Maceda e Vilar de Barrio.

Un total de 16 especies vulnerábeis e unha en perigo de extinción —a becacina— veríanse afectadas polas instalacións. Así mesmo, os muíños invadirían parte da ZEC Río Támega e a ZEC Bidueiral de Montederramo, co consecuente impacto sobre a fauna e a flora autóctonas. A turbina máis próxima ficaría a cinco quilómetros do parque natural do Invernadoiro.

Statkraft, á caza de "zonas economicamente deprimidas"

Statkraft é o maior produtor de enerxías renovábeis de Europa e ten presenza en 17 países. Na actualidade está a tramitar no Estado español diferentes proxectos de xeración enerxética provenientes de diferentes fontes como a solar, mais só na Galiza e no Bierzo prevé instalar aeroxeradores eólicos.

Na memoria dos seus proxectos xustifica a elección defendendo a idoneidade de construír os parques en "zonas economicamente deprimidas" que, afirma a empresa, se verán "beneficiadas" coa arribada dos muíños aos concellos afectados.

Tamén alude ao "gran potencial" que ten o vento no emprazamento escollido, e argumenta a "necesidade de reducir a dependencia enerxética do exterior", a pesar de que a Galiza exporta actualmente 30% dos megawatts totais xerados anualmente.