Decenas de crianzas menores de 6 anos tuteladas buscan unha familia que as acolla

#crianzas #nenos #nenas #menores #bebés (Foto: Nós Diario)
Asociacións de acollemento familiar lamentan o "ríxido" sistema actual, que "antepón os protocolos administrativos ás necesidades e interese superior do neno" ao non permitir que a familia de acollida poida pasar a ser adoptante.

A Asociación Estatal de Acollemento Familiar (ASEAF), xunto coa asociación de familias de acollida galega Acougo, urxiu esta quinta feira a Xunta a que dea unha solución de acollida familiar "cando antes" para os máis de 80 nenos e nenas menores de seis anos "que están a crecer en centros de protección, en contra do estabelecido pola lei". Segundo o último Boletín Datos Estatísticos de Medidas de Protección á Infancia e a Adolescencia, publicado semanas atrás polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 partindo de datos facilitados polo Goberno galego, ao remate do pasado ano había na Galiza un total de 1.767 crianzas e adolescentes baixo a súa protección, dos cales 745 vivían en centros, 20% menos que en 2021, e 1.022 facíano cunha familia de acollida, case 3% menos que en 2021.

A diminución do acollemento familiar "é unha moi mala noticia para Galiza", lamentan ambas as asociacións, "tendo en conta ademais o alto número de nenos menores de 6 anos en centros", explican. En particular, expresaron a súa preocupación porque entre 2021 e 2022 haxa "dous bebés máis, menores de 3 anos, medrando nun centro".

Entre outras cuestións, desde Acougo chaman a atención sobre a diminución en até 70% dos nenos e adolescentes que saíron en 2022 en acollemento familiar desde os centros, de 152 en 2021 a só 46 en 2022, tendo en conta o "compromiso de desinstitucionalización" que Galiza adquiriu en maio de 2022 para que en 2026 "ningún neno ou nena menor de seis anos tutelada viva en centros de acollida residencial".

"É fundamental que unha comunidade como Galiza, comprometida coa infancia e a familia, deseñe e poña en marcha cando antes o seu propio Plan de Desinstitucionalización que lle permita cumprir co compromiso adquirido. As Asociacións de Familias de acollida poñémonos ao dispor da administración para contribuír ao impulso real do acollemento familiar na Galiza", subliña Helena Escalada, presidenta de ASEAF.

Para favorecer o acollemento familiar, explican desde as asociacións hai que "facilitar maiores apoios" ás familias, así como pór en marcha "programas de acollemento de urxencia e temporal, sen esquecer a implementación canto antes de programas innovadores de familias colaboradoras, que acompañen aos nenos e nenas que viven nos centros, durante as vacacións ou as fins de semana".

Do mesmo modo, instan a Xunta a "revisar as súas prácticas nos pasos de acollemento familiar a adopción", xa que o sistema actual "é moi ríxido" e "antepón os protocolos administrativos ás necesidades e interese superior do neno", ao non permitir que a familia de acollida poida pasar a ser adoptante, xa que se prioriza a aquelas persoas ou familias en lista de espera de adopción.

"A día de hoxe, aínda hai comunidades autónomas, como Galiza, que estabelecen compartimentos estancos entre o acollemento e a adopción. Se es familia de acollida, non podes ser adoptante, o que é unha barbaridade. Desta maneira fan que os nenos e nenas pasen das súas familias de acollida temporais, a unha nova familia, sen ter en conta o tempo transcorrido, a calidade do vínculo establecido e a súa adaptación, provocando no neno ou a nena a vivencia dun novo abandono, coas devastadoras consecuencias que isto ten para o seu desenvolvemento neurolóxico e emocional", indica Javier Múgica, psicólogo especialista en protección de infancia e adolescencia.

Finalmente, afearon "falta de transparencia" en datos como o número de nenos, nenas e adolescentes con discapacidade no sistema de protección, así como sobre casos de sospeita de malos tratos infantís.