80% de familias con persoas con discapacidade recortou gastos

A taxa de discapacidade na Galiza aumentou nos últimos 12 anos. (Foto: Drazen)

Tres de cada catro fogares non afrontan imprevistos

80% das familias galegas con integrantes que padecen algunha discapacidade recoñece que tivo que recortar gastos no último ano ante o encarecemento da vida. Por outra parte, 38,4% ten nula capacidade de aforro, segundo un estudo elaborado por Adecco.

O informe sinala que os sobrecustos derivados da inflación incrementou entre 150 e 6.000 euros os gastos destas familias, que deben facer fronte a desembolsos adicionais asociados á discapacidade de até 30.000 euros.

A enquisa realizada pola empresa multiservizos sinala que 62,5% das familias galegas con persoas con discapacidade ao seu cargo recortou gastos non esenciais (ocio, compras ou vacacións) e 17,6% viuse obrigado a facelo en vivenda, subministracións ou alimentos.

Fin de mes

Ademais, 38,4% dos fogares galegos admite que actualmente ten nula capacidade de aforro e, entre aqueles que si o conseguen, a maior parte non pode facelo en máis de 300 euros. De feito, 15,6% admite non chegar a fin de mes e case a metade (47,7%) faino con dificultade.

Tres de cada catro declara non poder afrontar gastos imprevistos e 60% teme non poder manter gastos vinculados á discapacidade (terapias, asistencia, etc) durante o próximo ano.