A integración laboral de Down Galicia obtén o seu mellor dato con 200 persoas ocupadas

A taxa de integración das persoas participantes no programa de Emprego con Apoio foi de 77,4%.
Usuaria de Down Galicia no seu posto de traballo (Down Galicia).
photo_camera Usuaria de Down Galicia no seu posto de traballo (Down Galicia).

Un total de 199 persoas participantes no programa de Emprego con Apoio da Federación Down Galicia estiveron contratadas en empresas ordinarias da súa contorna durante 2022. 

Este é o mellor dato no relativo a oportunidades laborais a persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais desde que a entidade implantou o programa de Emprego con Apoio no ano 2002.

Por outra parte, a porcentaxe de persoas usuarias da bolsa de emprego de Down Galicia que tiveron acceso a un posto de traballo neste período tamén aumentou en relación ao ano anterior até alcanzar 77,4%. 

A alta porcentaxe ten aínda máis mérito se temos en conta o elevado número de participantes no programa, que nesta ocasión ascendeu até as 257 persoas, chegando así ao máximo histórico e deixando constancia da importancia que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais lle outorgan a ter un emprego.

Ademais, na edición de 2022 do programa de Emprego con apoio despuntaron as contratacións indefinidas e as prórrogas dos contratos, que supuxeron máis de 60% dos empregos totais do programa.

Distribución do emprego

Con respecto á distribución por localidades, obsérvase que foron 71 persoas as que traballaron en 2022 na zona de Vigo, 37 na Coruña, 23 en Pontevedra, 22 en Ourense, 18 en Lugo, 18 na área de Compostela e 10 na zona de Ferrolterra.

Estas 199 persoas contaron con 219 contratos, mediante os que o persoal do programa puido adquirir experiencia en postos tan variados como atención ao cliente, masaxista, axudante de farmacia, persoal de cociña, auxiliar administrativo, peón forestal, peón agrícola, peón electricista, telefonista, ordenanza, limpeza de praias ou persoal de cafetería, entre moitas outras ocupacións.
 

Comentarios