O 80% das chamadas de apoio emocional na pandemia procedeu de mulleres coidadoras

Nenos e nenas entrando nun colexio. (Foto: EP).

A Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia dá a coñecer os datos do programa Punto de Apoio Emocional (PAE) que iniciou en marzo de 2020.

A Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (Aseia), con sede en Ourense, ven de elaborar un informe centrado no traballo realizado nos dous últimos anos no programa Punto de Apoio Emocional (PAE).

Este programa naceu na Galiza en marzo de 2020, unha semana despois de ter sido decretado o Estado de Alarma que supuxo o confinamento da poboación diante a situación de pandemia.

O obxectivo inicial da iniciativa foi ofrecer atención telefónica a adolescentes e persoas coidadoras de nenas e nenos, que neses momentos non podían acceder a outro tipo de recursos.

Unha vez rematada esa situación decidiuse continuar co recurso, xa que segundo indica a entidade nun comunicado “as demandas seguen a chegar, polo que continuamos a ofrecer  un primeiro apoio e a posibilidade de derivación a quen o precisa”.

Análise dos datos recollidos

Agora, dous anos despois, realizaron unha análise dos datos recollidos, ao considerar que “ofrecen información de interese tanto para a sociedade como para as profesionais que se dedican ao coidado da saúde emocional na infancia e adolescencia e ao acompañamento a familias”.

Un dos datos que máis chama a atención é que UN 80% das chamadas recibidas foron realizadas por mulleres coidadoras, na súa maioría nais. Por outro lado, a configuración de familia maioritaria é a conformada por unha muller e filla ou fillos, é dicir, as monomarentais.

Desde a entidade apuntan que estes “son datos relevantes, xa que nos fan pensar en que o modelo social no que as mulleres desenvolven o rol dos coidados segue a estar vixente, quedando os homes nun segundo plano”.

Por último, o informe salienta que as problemáticas que maior presenza tiveron nas chamadas foron aquelas relacionadas con aspectos de carácter ansioso e depresivo, “dando conta dunha infancia e adolescencia marcada por unha actualidade desesperanzada”.

Por este motivo, desde a entidade lembran que “as persoas adultas temos a responsabilidade de ofrecer un maior apoio e acompañamento para que poidan desenvolver as súas vidas con plenitude”.