En 77% dos fogares galegos non hai nen crianzas nen mocidade e en 22% habitan só maiores 65 anos

En 815.000 do 1.060.000 fogares que hai en Galiza non hai ninguna persoa de 16 anos ou menos.

En Galiza hai 1.060.086 fogares, dos cales 21,17% corresponden a persoas que viven soas. A tipoloxía máis habitual no noso país é a formada por unha parella con fillos (32,34% do total de fogares). Hai 236.935 fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos, o que supón 22,35% do total. Este tipo aumentou en 0,38% a respecto dos existentes no ano anterior. Por provincias, Pontevedra é a que conta cunha menor porcentaxe de fogares deste tipo (19,24%) e no outro extremo atópase Ourense, con 29,76%.

 

Ademais, en 815.721 fogares do noso país, 76,95% do total, non reside ningún neno ou mozo menor de 16 anos. A porcentaxe máis alta deste tipo de fogares dáse na provincia de Ourense (81,73%) e a máis baixa en Pontevedra (73,46%). Por outra banda, 91,69% dos fogares de Galiza non conta con ningún neno menor de 5 anos. 63,79% dos mozos galegos de entre 18 e 34 anos vive cos pais. Das persoas mozas de 25 a 34 anos que viven coas nais e cos pais, 26,9% non ten ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe até 56,53% entre os mozos de 18 a 24 anos.

 

Das persoas mozas de 25 a 34 anos que viven coas nais e cos pais, 26,9% non ten ningún tipo de ingreso

Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. A demógrafa do CSIC, Dolores Puga, lanza unha advertencia, "o cambio de réxime demográfico non vai volver atrás" polo que a poboación residente na Galiza non volverá medrar senón é "pola vía da inmigración". 

 

Segundo Puga, as estatísticas reflicten que Galiza se atopa nun "proceso de transición demográfica" cara á "sociedades máis lonxevas". Ora ben, de maneira acelerada por mor do éxodo masivo da poboación nova. E é que entre 2009 e 2015 Galiza perdeu máis de 142 mil persoas entre 16 e 35 anos. Neste senso, a demógrafa asegura que "o principal reto" é desacelerar o avellentamento poboacional, unha cuestión que pasa, di, por nos preocupar "polas condicións de vida". Así, antepón "vivenda" e "traballo" ademais de medidas que promovan a "conciliación" a calquera outra cuestión encamiñada ao incremento da natalidade. 

 

Para alén disto, Dolores Puga entende que o novo contexto demográfico reverterá, como xa o está a facer, no modelo de ocupación territorial galego. Actualmente, perto do 70% da poboación ocupa o 6% do territorio --fundamentalmente nas cidades e comarcas do eixo atlántico.