En Galiza hai 1.060.086 fogares, dos cales 21,17% corresponden a persoas que viven soas. A tipoloxía máis habitual no noso país é a formada por unha parella con fillos (32,34% do total de fogares). Hai 236.935 fogares compostos por persoas de 65 ou máis anos, o que supón 22,35% do total. Este tipo aumentou en 0,38% a respecto dos existentes no ano anterior. Por provincias, Pontevedra é a que conta cunha menor porcentaxe de fogares deste tipo (19,24%) e no outro extremo atópase Ourense, con 29,76%.
Ademais, en 815.721 fogares do noso país, 76,95% do total, non reside ningún neno ou mozo menor de 16 anos. A porcentaxe máis alta deste tipo de fogares dáse na provincia de Ourense (81,73%) e a máis baixa en Pontevedra (73,46%). Por outra banda, 91,69% dos fogares de Galiza non conta con ningún neno menor de 5 anos. 63,79% dos mozos galegos de entre 18 e 34 anos vive cos pais. Das persoas mozas de 25 a 34 anos que viven coas nais e cos pais, 26,9% non ten ningún tipo de ingreso. Esta porcentaxe sobe até 56,53% entre os mozos de 18 a 24 anos.
Das persoas mozas de 25 a 34 anos que viven coas nais e cos pais, 26,9% non ten ningún tipo de ingreso
Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. A demógrafa do CSIC, Dolores Puga, lanza unha advertencia, "o cambio de réxime demográfico non vai volver atrás" polo que a poboación residente na Galiza non volverá medrar senón é "pola vía da inmigración".
Segundo Puga, as estatísticas reflicten que Galiza se atopa nun "proceso de transición demográfica" cara á "sociedades máis lonxevas". Ora ben, de maneira acelerada por mor do éxodo masivo da poboación nova. E é que entre 2009 e 2015 Galiza perdeu máis de 142 mil persoas entre 16 e 35 anos. Neste senso, a demógrafa asegura que "o principal reto" é desacelerar o avellentamento poboacional, unha cuestión que pasa, di, por nos preocupar "polas condicións de vida". Así, antepón "vivenda" e "traballo" ademais de medidas que promovan a "conciliación" a calquera outra cuestión encamiñada ao incremento da natalidade.
Para alén disto, Dolores Puga entende que o novo contexto demográfico reverterá, como xa o está a facer, no modelo de ocupación territorial galego. Actualmente, perto do 70% da poboación ocupa o 6% do territorio --fundamentalmente nas cidades e comarcas do eixo atlántico.