76% das familias asegura "endebedarse" nas compras do inicio do curso escolar

Unha persoa merca material escolar en Santiago (Foto: Arxina).
Un informe apunta que 24% das familias galegas ten pedir diñeiro prestado para mercar material para o inicio do curso escolar.

O inicio do cursos escolar 2023-2024 provoca que 76% das familias galegas se "endebeden" para comprar artigos para o colexio das súas fillas e os dos seus fillos. É a conclusión que apunta o Informe Europeo de Pagos de Consumidores de Intrum. Concretamente, un 24% afirma pedir diñeiro prestado ou superar o límite da súa tarxeta de crédito para adquirir artigos nestas datas. 

No traballo sinalan tamén que é "unha situación que, en ocasións, podería levar a un sobreendebedamento que, desemboque, mesmo, na imposibilidade de facer fronte aos pagos". De feito, un 16% das consumidoras e dos consumidores preguntados indica que é moi probábel que non cumpra co pago dalgunha débeda agora que en calquera outro momento. 

A nivel estatal, a cifra de familias que se endebedan por este mesmo motivo alcanza o 83%, mentres que en Europa a media é lixeiramente máis baixa, de un 77%. 

392,86 euros de gasto 

Tal e como informou Nós Diario onte, o gasto suporá de media 392,86 euros por estudante, 0,4% máis que o realizado para o curso anterior. É un dos datos que achega a compañía de comparación financeira Banqmi.

Estas cifras superan as de informes de anteriores cursos, como os do Observatorio Cetelem, que cifrou o gasto das familias para 2021-2022 en 354 euros por estudante (78% máis con respecto ao ano 2020).

Neste sentido, desde a Confederación de ANPAS Galegas, o seu presidente, Fernando Lacaci, insistía en que o primeiro problema segue a ser na actualidade “non ter a posibilidade dun ensino gratuíto”.