7.500 sinaturas poñen fin á campaña do transporte escolar no Courel

Concentración ante o Concello de Folgoso do Courel o 30 de decembro. (Foto: Cedida)
Despois de que a Xunta da Galiza tombase a contratación do servizo de transporte escolar polas protestas, a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel dá por concluída a campaña de recollida de sinaturas.

Foron meses de campaña social e o esforzo non foi en balde. A ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra deu onte por concluída a recollida de sinaturas -xuntou máis de 7.500- contra o plan de transportes que a Consellaría de Educación publicou o pasado mes de decembro.

Un plan que prexudicaría o alumnado do Courel, pois reducía o número de rutas, co conseguinte aumento nos tempos de traslado, e contemplaba o uso de autobuses de até 25 prazas, pouco adecuados ás aldeas e estradas de montaña, que obrigarían a pór as paradas máis lonxe dos domicilios.

A problemática afectou tamén o sector do taxi, pois a inclusión do colexio do Courel nun lote xunto con outros seis de concellos da comarca implicaba, para poder optar á licitación, dispor dos medios materiais necesarios para cubrilos todos. “Na práctica, deixaba fóra do concurso os taxistas locais. A perda deste complemento para a rendibilidade dos seus negocios faría perigar tamén a supervivencia do servizo de taxi e a súa achega á economía e desenvolvemento local”, apunta a ANPA nun comunicado.

Dous meses de loita

As mobilizacións contra o modelo de transporte escolar que a Xunta vén de tombar comezaron no Courel o día 30 de decembro cunha concentración en Folgoso á que asistiron preto de 200 persoas. Ese mesmo día acordouse a convocatoria dunha folga escolar que se mantivo até o día 14 de xaneiro, “cun seguimento do 100%”.

Foi entón cando se iniciou a recollida de alegacións persoais e de sinaturas. Os organizadores e organizadoras poñen de manifesto o “importante número de apoios recollidos, tanto online como, particularmente de xeito presencial, xa que asinaron mais de un terzo da poboación do concello”.

Da Delegación da Xunta en Lugo a Bruxelas

A contestación popular incluíu unha concentración ás portas da Delegación Territorial da Xunta en Lugo suscitou adhesións de organizacións culturais, educativas, sindicais e políticas, pero particularmente as ANPA de toda Galiza. “O movemento incluso propiciou unha pequena ola de reivindicacións polo ensino no rural, ao reclamar tamén as asociacións de familias de Navia, Baralla e Baamonde (Begonte) solucións a problemas específicos dos seus centros, enraizados todos eles no progresivo deterioro da educación no rural”, expón a ANPA do Courel.

A problemática de Folgoso do Courel tamén chegou a Bruxelas da man da representante do BNG, Ana Miranda, quen presentou unha iniciativa na comisión de peticións do Parlamento europeo.

"Ir á escola non pode significar botar horas nun bus"

A ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra confía agora en que a Xunta “tire aprendizaxe da experiencia” e que o novo Plan de transporte escolar atenda “as suxestións dos centros e comunidades educativas para que o servizo siga mantendo a calidade necesaria e que ir á escola no Courel non signifique botar horas nun autobús facendo quilómetros innecesarios”.