A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade anulou finalmente a contratación e licitación do servizo de transporte escolar que abarcaba os roteiros de 424 centros mediante 57 lotes.
Este contrato de máis de 81 millóns de euros atópase paralizado desde o mes de xaneiro debido ás queixas e alegacións presentadas por diversos colectivos ante o modelo proposto pola Administración. A comunidade de Folgoso do Courel levou a cabo unha campaña de protestas en contra deste deseño.
Nesta zona, o servizo prestábase con taxista da propia localidade e o proceso de renovación impulsado pola Consellaría, tal e como estaba exposto, impedía a estas condutoras manterse á fronte nos termos propostos, segundo denunciaron as familias do municipio.
Do mesmo modo, a veciñanza criticaba que este novo modelo obrigaría os fillos e fillas a realizaren desprazamentos máis longos e estabelecía o uso dun tipo de vehículo (autobuses) inadecuado para as aldeas e vilas da zona do Courel.
Mobilizacións da veciñanza do Courel
Coas súas mobilizacións, as veciñas e veciños conseguiron que en xaneiro a Xunta suspendera o prazo de presentación de ofertas para a licitación e agora a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade anula finalmente a contratación para “analizar detalladamente as alegacións presentadas, posto que os argumentos e erros esgrimidos terían transcendencia e afectarían tanto ao proceso de adxudicación como á execución do contrato”.
Na resolución que se deu a coñecer a comezos deste mes, a Consellaría explica a suspensión do proceso debido ao “alcance dos erros detectados nos pregos, como ausencia de paradas necesarias ou vehículos non axustados ás estradas, entre outras cuestións”.
Pola súa banda, a formación Caurel Vivo sinalaba nas súas redes sociais –nas que avanzaba a publicación da suspensión– que “a Xunta desistía da licitación chafalleira do servizo de transporte escolar”.
Ao respecto, trasladaron o seu agradecemento á “constante presión da Anpa” e da veciñanza da localidade, que acudiron á Valedora como á Comisión de Peticións Europea –onde a voceira do BNG, Ana Miranda, denunciou a vulneración o dereito á igualdade no acceso á educación ao non ter en conta as condicións– e confiaron en que a nova licitación sexa consensuada en cada zona para responder as particularidades dos roteiros”.