7.000 persoas en espera polo servizo de axuda no fogar mentres 35 maiores pasan cada día a vivir soas

27% das persoas maiores de 65 anos que viven soas na Galiza teñen algún grao de dependencia. (Foto: Nós Diario)
Na Galiza hai 139.000 persoas maiores de 65 anos que viven soas, unha cifra que aumenta ano tras ano. Son agora 25% máis que hai case unha década, en 2013, cando este colectivo representaba 110.000 persoas. Ao tempo, o Servizo de Axuda do Fogar acumula unha lista de espera dunhas 7.000 persoas e a teleasistencia ten 1.500 en agarda.

A galega é unha sociedade, como a gran maioría das europeas, que avellenta ano tras ano. A Galiza é o segundo territorio máis envellecido do Estado, cun índice de avellentamento de 164%, é dicir, hai 164 galegos e galegas maiores de 65 anos por cada 100 menores de 16. A media estatal sitúase en 129%.

Unha das consecuencias desta realidade concrétase en que na Galiza xa hai 139.000 persoas de 65 ou máis anos vivindo soas. Durante o ano pasado foron 13.000 os maiores que pasaron a esta situación, unha media de 35 ao día. Entre os maiores de 65  anos que viven sen compaña, ao redor de 70% son mulleres, mentres 30% restantes son homes.

Que haxa un número tan importante de persoas maiores que viven soas implican tamén unha serie de servizos e necesidades a atender por parte das Administracións, nomeadamente no terreo da atención sanitaria e os coidados. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) ao redor de 27,3% das maiores de 65 anos padecen algún grao de dependencia.

E esta pata, a atención, na Galiza actual, segue a presentar diversas eivas. José María Faílde, da Sociedade Galega Xerontoloxía e Xeriatría, apunta, en base á Carta dos dereitos das persoas maiores da Galiza, que os maiores teñen "dereito a que se garanta o acceso equitativo á asistencia sanitaria e social e a dispor dos recursos sociosanitarios adecuados". Porén, iso é difícil de casar con que o Servizo de Axuda no Fogar teña unha lista de espera de perto de 7.000 persoas, ou cando a teleasistencia acumula ao redor de 1.500 persoas en agarda.

O mesmo número por certo, por volta de 1.500, corresponde ás persoas que agardan por unha praza nunha residencia na Galiza. No país hai 8.000 traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) que atenden 24.000 persoas usuarias. A súa situación laboral é, segundo se denunciou na recente folga do persoal deste servizo, precaria, tanto en salarios como en condicións.

Desfasamento

A Xunta, pola súa parte, sitúa está condición como unha cuestión a resolver entre as empresas que prestan o servizo e as traballadoras. Mais, como denunciou o  BNG, o SAF "é un servizo financiado con cartos de todos e todas, sexa cal sexa o modelo de xestión. Nada menos que 110 millóns de euros saídos directamente da Xunta de Galiza en 2022", en palabras da deputada nacionalista Olalla Rodil. 

O PSdeG ten criticado que desde a Xunta da Galiza se destinen "9,70 euros por hora para este servizo que ten un custo real de entre 18 e 22 euros, sendo os Concellos e as persoas os que asumen ese desfasamento".

Neste sentido, a xerontóloga Teresa Martínez lamenta que a resposta pública ás necesidades de coidados das persoas maiores no país focalizouse nas últimas décadas "nos servizos de carácter residencial, deixando infradotada e en gran medida en mans do sector informal e do sector voluntario a atención domiciliaria".

Perda de poboación e aumento de habitantes que moran en soidade

A Galiza perderá 35.000 habitantes até 2037, ficando para entón con 2,65 millóns de persoas, o que representaría 1,3% menos que na actualidade, segundo as proxeccións de poboación 2022-2072 publicadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Até 2037, o Estado español gañaría 4,23 millóns de habitantes (+8,9%), superando os 51,66 millóns en 2037, mentres que a Galiza representa o segundo peor saldo vexetativo -diferenza entre nacementos e defuncións-, con -108,2%, só superado por Asturias.

Un de cada tres fogares galegos (31%) estará habitado por unha soa persoa no ano 2037, de acordo coas mesmas proxeccións do INE. A taxa de fogares unipersoais en 2037 situaríase por riba da media estatal para ese mesmo ano, que ficaría en 29,8%.