Sanidade

70% dos abortos entre as 9 e as 14 semanas derívanse á sanidade privada

Montse Prado, portavoz de sanidade do BNG no Parlamento. (Foto: Europa Press)
A oposición acusa a Consellaría de privatizar os procedementos.

A oposición criticou onte con dureza no pleno do Parlamento que a Consellaría de Sanidade sacase a concurso a contratación do servizo de interrupción voluntaria dos embarazos de menos de 14 semanas e que non impliquen risco para a embarazada. Para o BNG e o PSdeG, é unha aposta "ideolóxica" da Xunta da Galiza pola privatización por conta dos dereitos das mulleres. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo ao respecto que estamos ante unha "falsa indignación da oposición" na Cámara galega.

Montse Prado (BNG) exixiu á Consellaría que "rectifique" e que garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública. "Non reviven ningún aborto, hai 14 hospitais públicos onde poden facerse", advertiu. Pola súa parte, Noa Díaz (PSdeG) botou man de estatísticas oficiais para denunciar que "7 de cada 10 abortos de 9 a 14 semanas derívanse á privada".

Unha delegación de CCOO reuniuse esta cuarta feira co BNG e PSdeG para tratar este tema.

"Agravar" a saúde 

Tamén esta cuarta feira, 13 de setembro, a Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma feminista de Lugo acusaron a Xunta de "agravar" a saúde sexual e reprodutiva ao derivar a interrupción de embarazos á sanidade privada.

Nun comunicado, as organizacións sinalan que a interrupción do embarazo é un dereito que ten que poder exercerse con garantías de saúde integral para as mulleres e non concibirse como un negocio para as clínicas privadas. 

"A Administración pública debe contar con recursos suficientes na rede sanitaria pública galega para facer efectivo este dereito", indicaron para advertrir que mostraron "un claro menosprecio" á saúde das mulleres