O PSdeG pregúntase se a privatización do aborto na Galiza "non terá que ver cos pactos con Vox"

Leticia Galego cualificou o concurso de “escándalo”

A deputada do PsdeG no Parlamento da Galiza Leticia Galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do PsdeG no Parlamento da Galiza Leticia Galego. (Foto: Nós Diario)

A deputada socialista Leticia Galego volveu a cargar esta segunda feira, 28 de agosto, coa decisión da Xunta da Galiza de privatizar as interrupcións voluntarias do embarazo inferiores a 14 semanas en centros privados, reclamando que se garanta o dereito ás mulleres para ser atendidas no centro público máis próximo e preguntándose se esta decisión "non terá que ver cos pactos do PP con Vox".

Nunha rolda de prensa en Compostela, Galego considerou esta decisión "un novo atentado contra os dereitos das mulleres" e lembrou que, segundo a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva, "os hospitais galegos teñen que garantir persoal non obxector para un dereito fundamental para as mulleres".

Os socialistas consideran que este é "un paso máis" no intento da Xunta de "privatizar a sanidade galega" e cualifican o concurso, "presentado no mes de agosto", de "escándalo".

Paralelamente, Leticia Galego indicou que a xustificación desta privatización, que terá un custo de 500.000 euros a tres anos, "contradí o que dixo o propio conselleiro" a unha interpelación socialista este mesmo ano, na que apuntou que "a obxección non é un problema" para este tipo de intervencións. "Na mesma intervención, o conselleiro dicía que xa se contaba con medios nas sete áreas sanitarias, sempre dentro do sistema público", dixo a deputada.

Recomendación do consello de contas

Preguntada por esta cuestión, a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou que esa externalización obedece a "unha recomendación do Consello de Contas", xa que "calquera contrato fóra do Sergas ten que ser licitado".

"Cunha soa interrupción que se fixese fóra do Sergas, terían que sacar esa licitación", apuntou Prado, asegurando que "100% están a facerse en centros públicos, salvo as que se solicitan nun centro privado" por decisión da muller.

Comentarios