O 7% das mortes por cancro de pulmón prodúcense por mor da exposición ao radon

Medidor de radon (Imaxe: Santi Alvite / USC)

A exposición ao radon está detrás do 7% das mortes que se producen na Galiza por mor do cancro de pulmón. Unha porcentaxe que no conxunto do Estado diminúe ao 4%. Son datos dun estudo publicado por investigadores da Facultade de Medicina da USC e do Laboratorio de Radon da Galiza, en colaboración co Ministerio de Sanidade e o Consello de Seguridade Nuclear, publicado na revista Environmental Research.

O obxectivo principal da análise, liderada polo profesor da USC Alberto Ruano, foi estimar a mortalidade por cancro pulmonar producida pola exposición a radon. "O estudo aplica, por primeira vez, unha corrección da exposición a radon pola altura da vivenda, xa que as persoas que viven en pisos altos teñen unha menor exposición", sinala nun comunicado de prensa.

Logo do 7% de mortes identificadas na Galiza pola exposición a este gas canceríxeno, a comunidade autónoma española máis afectada é Estremadura, cun 6,9%. "Os datos indican que, de non corrixir a exposición a radon pola altura da vivenda, a carga de mortalidade duplicaríase", engade.

A meirande parte destas mortes ocorren en homes fumadores e exfumadores, afirma o estudo.

Para esta investigación empregáronse datos do Mapa de Radon, cedidos polo Consello de Seguridade Nuclear —no que tamén colaborou o Laboratorio de Radon da Galiza— e riscos de cancro pulmonar obtidos nun estudo internacional, desenvolvido polos mesmos investigadores e publicado na mesma revista en 2020, que incluíu perto de 4.000 participantes.

Os resultados desta investigación, informa a USC, teñen importantes implicacións para o desenvolvemento de políticas públicas de redución da concentración deste gas nas vivendas e para a aplicación da directiva europea de protección fronte ás radiacións ionizantes, tanto para poboación xeral coma para traballadores.

"A directiva xa debería estar en vigor” desde 2018. “Cabe destacar que toda vivenda nova debe ter protección antirradon, tal e como indica o novo Código Técnico da Edificación e que as medicións deben facerse por Laboratorios acreditados", sinala Ruano.