63% de participación nas oposicións ao Sergas

Rrecinto feiral de Silleda durante o desenvolvemento das probas. (Foto: Xunta de Galiza)
Con estas probas, o Sergas cubrirá 96 postos de persoal sanitario funcionario: 64 mediante acceso libre, 24 por promoción interna e oito pola cota de discapacidade.

O recinto feiral de Silleda arrincou con normalidade na mañá deste sábado unha intensa fin de semana de exames das oposicións de varias categorías do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Na quenda de mañá, acudiron 445 aspirantes dos 704 que estaban admitidos, sobre o 63% de participación.

En concreto, desenvolvéronse as probas correspondentes ás categorías de ATS/DUE, inspector médico, licenciado en ciencias químicas, e farmacéutico inspector de saúde pública. Pola tarde, está previsto que outras 485 persoas --cifra de inscritos-- fagan os exames de licenciado en farmacia, en medicina e cirurxía, en ciencias biolóxicas, en psicoloxía e en subinspector sanitario.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, achegáronse até o recinto feiral de Silleda, onde estaban convocadas ao redor de 1.189 persoas ao longo deste sábado.

Con estas probas, o Sergas cubrirá 96 postos de persoal sanitario funcionario: 64 mediante acceso libre, 24 por promoción interna e oito pola cota de discapacidade. Segundo cifras da Xunta, o 2% dos aspirantes proceden de fóra da Galiza e a maioría (77%) son mulleres. Ademais, hai un 5% que teñen que realizar o exercicio para acreditar o seu coñecemento da lingua galega. 

 

 

Probas de enfermaría

Xa este domingo, celebraranse os exames correspondentes á categoría de Enfermaría, aos que hai admitidos un total de 10.101 aspirantes con 1.556 prazas ofertadas. Na mesma xornada serán os de inspector farmacéutico, con 149 convocados.

Neste sentido, o Sergas destaca que o 67% dos inscritos na oposición de Enfermaría teñen actualmente un vínculo activo co sistema sanitario galego. Máis de 1.100 aspirantes neste proceso proceden de fóra da Galiza, o 87% son mulleres e o 16% terán que facer o exame de galego.

A ampla concorrencia a este proceso do domingo fixo que se habilite un total de nove servizos de autocares que sairán desde distintos puntos. As liñas partirán desde as localidades de Lugo, Monforte, Verín, Vigo, Ribeira, Muros, Muxía, A Coruña e Ferrol, e pasarán por varios municipios, entre eles Santiago e Pontevedra, antes de chegar a Silleda sobre as 9 horas, unha hora do arranque.

Os exames desta fin de semana desenvólvense en tres quendas para permitir que aspirantes inscritos en diversos procesos poidan examinarse en todos. De feito, hai graduados en Farmacia que concorrerán aos exames do sábado pola mañá para acceder as prazas de farmacéutico inspector de saúde pública, pola tarde á de licenciado en farmacia e, xa no domingo, ao de inspector farmacéutico.

O mesmo ocorre cos graduados en Enfermaría, que poden presentarse o sábado pola mañá a ATS/DUE, pola tarde a subinspector sanitario, e o domingo á propia de Enfermaría.

 

 

Desenvolvemento das probas

As probas selectivas comprenden tres exames tipo test: un de lexislación xeral, do que quedan exentos os da quenda de promoción interna; outro específico sobre coñecementos e funcións propias da categoría; e un terceiro acreditativo do coñecemento da lingua galega, do que quedan exentos os que xa teñan o título do 'Celga 4'.

Cabe lembrar que o Sergas, por mor da lexislación en materia de igualdade, permite ás mulleres embarazadas, que estean ingresadas por este motivo ou que tivesen o parto recentemente -unha semana-, realizar os exames nun centro hospitalario concreto para evitarlles o desprazamento, se avisan con 72 horas de antelación. En caso daquelas que estean de parto o propio día, poderán facer as probas dentro dos 15 días posteriores.

Así mesmo, garántese o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o solicitasen, que son nesta convocatoria máis de 100. A estes efectos, no exterior do recinto feiral hai unha sala específica para iso con carácter previo ao comezo da hora de exame e, xa no interior, outro espazo para empregalo durante o tempo das probas. O tempo transcorrido na realización da lactación incrementarase ao tempo de exame previsto inicialmente.

Non en balde, practicaranse varias adaptacións de tempo e medios, que a normativa permite, para a realización dos exercicios con obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.