A UE desaconsella administrar un só vial de AstraZeneca

AstraZeneca

A Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) desaconsellou non administrar a segunda dose da vacina contra o coronavirus desenvolta pola compañía AstraZeneca e recomendou inocularla ás 4 ou 12 semanas da primeira dose.

"Con todo, non houbo suficiente exposición e tempo de seguimento para determinar se o risco de coágulos sanguíneos con plaquetas baixas despois dunha segunda dose será diferente do risco despois da primeira dose. Na actualidade, non hai datos ou son limitados para cambiar as recomendacións actuais", dixo o organismo nun comunicado.

A vacina está autorizada na Unión Europa e, tal e como lembrou a EMA, a pesar de que se rexistraron casos "moi raros" de trombos en persoas ás que se lle administrou, os beneficios que achega "en todas as idades" superan aos riscos.

Para axudar ás autoridades estatais a tomar decisións sobre como utilizar mellor a vacina nos seus territorios, o Comité de Medicamentos Humanos (CHMP, polas súas siglas en inglés) concluíu que a vacina é "eficaz" para previr hospitalizacións, ingresos en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) e mortes por Covid-19, e que os efectos secundarios máis comúns adoitan ser leves ou moderados e melloran nuns poucos días.

Ademais, a EMA reiterou que os efectos secundarios máis graves son casos "moi raros" de coágulos sanguíneos inusuais con plaquetas baixas, que se estima que ocorren en 1 de cada 100.000 persoas vacinadas. "Está claro, os beneficios xerais da vacina AstraZeneca na prevención de Covid-19 superan os riscos de efectos secundarios moi raros e inusuais. A vacina Astrazeneca é unha parte importante da nosa carteira de vacinas: é unha vacina eficaz que protexe contra enfermidades graves e a morte, na UE e en todo o mundo", dixo a comisaria europea de Saúde, Stella Kyriakides.

De feito, a axencia puxo de manifesto que os beneficios da vacinación aumentan co incremento da idade e as taxas de infección, aínda que até a data non conta con "datos suficientes" para pronunciarse sobre os beneficios e riscos deste vacina a respecto do sexo das persoas.

Por todo iso, Kyriakides asegurou que o marco europeo garante que contamos cos procedementos de seguridade "máis rigorosos e un estrito control de seguridade" do uso de todas as vacinas na Unión Europea.

Na Galiza, 60.000 persoas están pendentes de recibir a segunda dose

Na Galiza, segundo os datos fornecidos polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa da pasada cuarta feira, hai máis de 60.000 persoas consideradas de colectivos esenciais, como o do profesorado ou o das forzas de seguridade do Estado, coa primeira dose da AstraZeneca inoculada, pendentes de recibiren a segunda.

Esta mesma semana, o Ministerio de Sanidade desbotaba o uso da segunda dose de AstraZeneca en menores de 60 anos aínda que o solicitase, de maneira voluntaria, a persoa interesada.