17.000 fogares continúan sen electricidade por mor do temporal

O muíño de Cabanas sufriu danos (Vaipolorío)
Son aínda 17.000 os fogares galegos que se atopan sen subministración eléctrica a causa do temporal 'Fabien', que afectou a toda Galiza con refachos de vento de máis de 180 quilómetros e que deixa 1.430 incidencias rexistradas entre o sábado e a madrugada deste domingo.hegaron a ser 60.000.
 

Os efectos de 'Fabien' comezaron a remitir á primeira hora da mañá deste domingo, no que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza contabilizou un total de 1.430 incidencias. A caída de árbores e ramas nas vías de circulación (808), as accións de prevención de riscos (239), liñas de luz e teléfono nas estradas (77) e postes caídos nas calzadas (59) foron as que máis se repetiron. 

Tres persoas morreron este domingo na súa vivenda da parroquia de Fisteus, en Curtis por inhalación de monóxido de carbono procedente dun xerador de corrente. Os mortos son un matrimonio de octoxenarios, que foron localizados falecidos na súa cama; e o fillo de ambos, de 52, que se atopaba nun garaxe no que estaba a funcionar un xerador de corrente a combustíbel, que se baralla como posible causa da intoxicación. Fontes da investigación apuntan a que a vivenda podería ter sufrido un corte de electricidade polo temporal, o que motivaría que empregasen o xerador.

Os ventos, que superaron os 140 quilómetros por hora en numerosas localidades e que chegaron até os 183 en Viveiro, aos 176 na cabeza de Manzaneda e aos 166 quilómetros por hora en punta Candieira, en Cedeira.

As zonas de montaña do interior foron as máis afectadas polos cortes de luz nas vivendas, provocados por máis dun centenar de incidencias no tendido eléctrico.

En canto aos concellos afectados polo paso de 'Fabien', destaca o da Coruña. Computou 48 incidencias, que alcanzan as 150  se se suman as que atenderon os servizos municipais. Tamén se rexistraron varios problemas en Santiago de Compostela e Oleiros, onde se atenderon 31 incidencias en cada caso, e en Carballo, que sumou 29. A Estrada alcanzou as 37 incidencias atendidas, Lalín as 34, Pontevedra sumou 19 e Ponteareas 18. No concello de Lugo contabilizáronse 23, mentres que en Viveiro houbo 19, en Chantada 18 e en Vilalba 13. O Carballiño sumou 10 incidencias, Celanova 9 e Ribadavia 7.

Entre as incidencias máis destacadas, a pasada noite, un tren que cubría a liña entre Vigo e Barcelona chocou contra unha árbore caída nas vías en Ribadavia, aínda que non se rexistraron danos persoais. Debido ao impacto, que tivo lugar ao fío das 22.15 horas, o tren resultou avariado e foi necesario que unha máquina de socorro remolcase o convoi até a estación de Ourense coa pasaxe a bordo. Finalmente, segundo informou Adif ao 112, as persoas ocupantes terminaron o traxecto en autobús.

Ademais, unha persoa necesitou asistencia onte á tarde despois de caerlle enriba do coche no que circulaba unha árbore en Cortegada

En Cambre caeron varias partes do tellado dun edificio de catro alturas na praza da Ría, que golpearon e romperon a canalización do gas. Desde o 112 mobilizouse á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo, á empresa subministradora de gas e ao Servizo Municipal de Protección Civil.

En Carballo, no colexio Fogar, na rúa Vila de Noia, levantouse o tellado do centro e, en Ortigueira, perdeu as súas cubertas a piscina municipal, mentres que en Cerdido unha muller resultou ferida ao chocar o vehículo no que circulaba contra unha árbore caída na vía. Ocorreu na AC-102, á altura do Carballeiro.

Ademais, unha árbore esnaquizou tamén varias tellas do muíño de Cabanas, que fora restaurado en 2011 polas asociacións Heroes do Campo da Porta de Salcedo e Vaipolorío.

Por último, no termo municipal  do Bolo caeu pé dunha ponte, que se afundiu, no lugar da Barxa, onde pasa o río Xares, en Petín. Trátase dunha vía secundaria que une as aldeas da Barxa co Seixo e hai outras vías alternativas, polo que os pobos non quedaron incomunicados.

Galiza vai recuperando a normalidade após o temporal

Á primeira hora desta mañá os efectos do temporal comezaron a remitir. Con todo, rexistráronse algunhas incidencias a pesar de que os fortes ventos perderon intensidade. Varios voos sufriron desde a mañá atrasos de entre 45 minutos e máis de dúas horas en Alvedro (A Coruña), Lavacolla (Santiago de Compostela) e Peinador (Vigo).

A situación, tanto na rede viaria como no transporte ferroviario, é de normalidade, após as múltiples incidencias do sábado, a maioría relacionadas con caídas de árbores e outros obxectos. No entanto, seguen aparecendo incidencias de pouca importancia nalgunhas estradas secundaria.

A máis importante produciuse no municipio de Baralla, no tramo de estrada que une a saída 469 da A-6 coa N-VI, unde a caída unha árbore obrigou a cortar o tráfico.