O temporal ‘Fabien’ déixase sentir en toda a Galiza

A costa coruñesa é unha das máis afectadas pola borrasca (Europa press)
Máis de  27.000 fogares sen luz, incidencias espalladas por todo o territorio e problemas nas comunicacións, tanto aéreas como por estrada, son o balance provisional que deixa o temporal Fabien ao seu paso por Galiza, en alerta vermella nesta xornada por refachos de vento que xa acadaron os 166 quilómetros por hora.  

A maior parte das incidencias que esta tarde deixaban máis de 27.000 fogares de toda Galiza sen subministración eléctrica están ocasionadas pola caída de árbores, ramas e cortizas sobre as liñas. As condicións meteorolóxicas, con fortes refachos de vento e as dificultades de acceso ás liñas afectadas, tamén complican o traballo das brigadas.

O temporal está deixando medicións por enriba dos 166 quilómetros por hora en Cedeira e de 149 quilómetros por hora no municipio de Viveiro. Os fortes refachos de vento, de intensidade 9 e 10, segundo Meteogalicia, afectaron desde a mañá ao transporte aéreo nos tres aeroportos galegos, con cancelacións dos seus voos tanto de saída como de chegada

Cancelacións e desvíos

Dende primeira hora canceláronse voos que procedían de Madrid con destino A Coruña e Vigo da compañía Iberia. As saídas programadas cara á capital española tamén foron canceladas. Outros voos tiveron que ser desviados a Porto (Portugal), como o que percorría o traxecto Tenerife - Vigo, que non puido aterrar en Peinador, ou o que voaba de Malta a Santiago, que tampouco puido tomar terra en Lavacolla.

A cicloxénese tamén está a afectar a unha das principais autovías galegas. A A-8, que une Galiza co País Vasco, permanece cortada en Mondoñedo, á altura de Alto do Fiouco, entre os quilómetros 536 e 552 para todos os vehículos excepto turismos. Segundo confirman fontes da Dirección Xeral de Tráfico, o vento foi a razón que obrigou a cortar esta vía e activar o nivel vermello de alerta para todos aqueles automóbiles que non sexan turismos.

Ademais, rexistráronse diversas incidencias puntuais (sobre todo árbores caídas) noutras estradas, pero as mesmas fontes explicaron que despois de resolvelas e restaurar as condicións da vía, recuperouse a normalidade da circulación.

Porén, as liñas ferroviarias non sufriron moitas complicacións. Fontes de Adif indican que unicamente se interrompeu o tráfico entre Ourense e Taboadela durante a mañá despois dun aviso dos bombeiros, polo risco de caída dunha árbore.

A alerta baixa mañá a laranxa en terra e mantense vermella no mar

Para mañá, as previsións apuntan a un mantemento das condicións adversas, aínda que con menos intensidade que na xornada de hoxe. O vento continuará soprando forte desde o suroeste, pero Meteogalicia baixará a alerta vermella a laranxa a partir das 9 horas. A alerta vermella continuará activa no mar, onde as ondas poden alcanzar o nove metros de altura.

Así mesmo, os fluxos de vento virán acompañados de ceos parcialmente cubertos con choivas pola mañá que irán remitindo a partir do mediodía. As temperaturas mínimas quedarán sen cambios significativos, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro descenso até o nivel máis baixo que se poderá rexistrar en Lugo, con 9 graos.