Programa DiscoverEU

60.000 billetes de balde para viaxar por Europa

Interior da estación de ferrocarril da Coruña con varios trens agardando a súa saída (Nós Diario)

O programa DiscoverEU da Comisión Europea pon a disposición da mocidade de entre dezaoito e vinte anos a posibilidade de viaxar gratis polo continente durante un mes. A campaña dará inicio este 12 de outubro.

A Comisión Europea ofrecerá bonos de tren gratuítos a 60.000 europeas e europeos de entre dezaoito e vinte anos a través da iniciativa DiscoverEU.

A razón desta campaña, segundo sinala  nun comunicado Margaritis Schinas, vicepresidente para a Promoción do noso Modo de Vida Europeo, é agradecer que “durante o últimos dezaoito meses, nunha auténtica mostra de solidariedade, os nosos mozos sacrificaron momentos moi prezados e cruciais da súa mocidade”.

Outra das responsábeis europeas, a comisaria de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Mariya Gabriel, asegurou que a proposta chega “agora que a Comisión declarou 2022 como o Ano Europeo da Mocidade” e dará a oportunidade “de descubrir o noso continente”.

Para conseguir estes billetes, poderán presentar a súa candidatura as mozas e os mozos europeos nados entre o 1 de xullo de 2001 e o 31 de decembro de 2003. De maneira excepcional, tamén poderán participar de dezanove e vinte anos, xa que as roldas de solicitudes nas que podían participar postergáronse pola pandemia de Covid-19.

As e os candidatos seleccionados poderán viaxar durante un período de até trinta días entre marzo de 2022 e febreiro de 2023. Ao descoñecerse como evolucionará a pandemia, ofrecerase a todas as persoas a posibilidade de efectuar reservas flexíbeis a través dun novo bono de viaxe móbil.

A data de inicio poderá modificarse até xusto antes da hora de saída, e os bonos de viaxe móbiles serán válidos durante un ano.

Coa fin de promover as viaxes sostíbeis e, por tanto, apoiar o Pacto Verde Europeo, quen participe en DiscoverEU viaxarán principalmente en tren. Con todo, para garantir o acceso desde calquera parte da Unión Europea, tamén poderán empregar outros medios de transporte, como o autocar, o ferry ou, excepcionalmente, o avión.

O prazo de presentación de candidaturas abre o día 12 de outubro, ás 12 horas até o 26 de outubro ás 12 horas, e poderase empezar a viaxar en 2022, que será o Ano Europeo da Mocidade.