Seis de cada dez buses non están adaptados a persoas con mobilidade reducida

Autobús adaptado a persoas con mobilidade reducida. (Foto: Nós Diario)
Os criterios de adxudicación din que os vehículos deben estar adaptados.

O Plan de Transporte Público da Galiza (PTPG) da Xunta da Galiza estabelece unhas condicións básicas para os servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral que se reflicten nos pregos de condicións e nos correspondentes proxectos de explotación dos contratos de concesión, entre elas a dimensión da frota de autobuses adscritos ao servizo, a antigüidade máxima, e tipoloxía dos vehículos máis accesibles, menos contaminantes e máis seguros. Mais isto non sempre se cumpre, como testemuña o recente informe do Consello de Contas de fiscalización do programa de ordenación e inspección do transporte.

O ente fiscalizador lembra que os criterios de adxudicación de concesións da Xunta inclúen que os vehículos de transporte de pasaxeiros por estrada  "estean adaptados ás persoas con mobilidade reducida". Porén, indica o Consello, e segundo a memoria do PTPG, tan só 40% dos vehículos das 127 concesións están adaptados, —só 16 concesións adaptaron 100% dos vehículos—. Así pois, 60% da frota adxudicataria non cumpre neste capítulo. 

Cintos

Outro factor determinante da calidade é a seguridade activa e pasiva nos requisitos mínimos dos vehículos é a xestión da seguridade, apunta o propio Consello de Contas. "En relación coa optimización do equipamento, 100% dos vehículos dedicados ao transporte de escolares están equipados con cintos de seguridade, mentres que nos autobuses en xeral, tomados no seu conxunto, a cifra é do 75% da frota". Hai, logo, 25% que non ten cintos de seguridade, o que supón un de cada catro autobuses que circulan ao abeiro das concesións da Administración galega.

Queixas

O ente fiscalizador das Administracións galegas recolle no informe que presentou a semana pasada, que no período transcorrido entre setembro de 2020 a xaneiro de 2022 presentáronse 83 queixas por deficiencias dos servizos prestados por 19 empresas concesionarias, "cunha concentración das queixas en 15% das empresas". 

Norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e oeste de Eume acumulan un total de 39 das 83 queixas presentadas polos usuarios e usuarias do transporte público por estrada na Galiza. "A maior parte destas queixas débense a insuficiencia de prazas dos autobuses para recoller a todas as persoas nas paradas", advirte o Consello no seu documento.