Xustiza

54 de 112 rebaixas de pena na Galiza desde a entrada en vigor da Lei de 'só si é si'

Sede do Consello Xeral do Poder Xudicial. (Foto: Europa Press)
Nos casos restantes, segundo a última información trasladada polo CXPX, mantivéronse as condenas inicialmente ditadas porque a nova norma suporía saldar o xuízo "cunha pena maior".

Os órganos xudiciais da Galiza emitiron, segundo as cifras facilitadas até o momento polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), un total de 112 pronunciamentos —tanto revisións de penas xa impostas como recursos— referidas a condenas por casos de violencia sexual desde a entrada en vigor da Lei de 'só si é si'.

Esta cuarta feira o propio CXPX actualizou a cifra de condenados que se viron beneficiados pola nova norma e que en territorio galego ascenden a 54, isto é, case a metade dos casos analizados. Este medio centenar correspóndese a rebaixas da pena imposta inicialmente aos delincuentes, mentres que no resto de ocasións ficou firme a condena porque a Lei de 'só si é si' suporía que se saldase o xuízo "cunha pena igual ou maior" que a que se impuxera no seu momento.

No conxunto do Estado español foron 943 as rebaixas de pena e 103 as excarceracións en aplicación da norma que entrou en vigor o pasado 7 de outubro, sempre segundo os datos do órgano xudicial. As mesmas fontes aclararon, porén, que a cifra podería aumentar nos próximos días dado que aínda hai audiencias provinciais e tribunais superiores de xustiza pendentes de trasladar os seus datos.

O pasado 2 de marzo o CXPX notificou de maneira oficial que había 721 rebaixas e 74 excarceracións en todo o Estado a data do 1 de marzo. Naquela ocasión, o Consello avisou de que non puidera solicitar datos de todos os órganos xudiciais, polo que carecía dunha cifra "global", como segue a acontecer hoxe.

En calquera caso, informou de que a súa Comisión Permanente acordara no seu conclave que a información sería "actualizada periodicamente e feita pública". Desde entón está pendente que o órgano publique os últimos datos actualizados.

Revisión no Supremo

Por outra parte, está previsto que a Sala do Penal do Tribunal Supremo convoque entre o 6 e 7 de xuño un pleno monográfico para fixar un criterio sobre as revisións efectuadas polos tribunais sentenciadores por mor desta reforma penal. Será a primeira vez que o alto tribunal entre a analizar se os tribunais aplicaron ben a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual nas súas revisións de pena.

Os maxistrados levarán a cabo este estudo co obxectivo non só de unificar o criterio senón de fixar doutrina, e porque xa acumula máis de 20 recursos de casación contra autos de revisión ditados ao abeiro da Lei de 'só si é si'.