52.000 galegos e galegas están chamados a vacinarse esta fin de semana

Vacinación de maiores de 80 en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
O Servizo Galego de Saúde administrará unhas 27.000 doses de Pfizer a persoas maiores de 80 e do colectivo de entre 75 e 79 anos e 25.000 doses da vacina de AstraZeneca a maiores de 60, até os 65 anos.

Segundo informou a Consellaría de Sanidade tras a reunión do subcomité clínico desta pasada sexta feira, a Xunta administrou na xornada anterior, 8 de abril, un total de 33.229 doses de vacinas contra a Covid: 31.882 persoas con Pfizer e 1.347 coa Astrazeneca.

Dúas de cada dez persoas chamadas a inocularse con AstraZeneca rexeitaron a vacina

No caso da británica, 1.264 foron administradas en grandes recintos -Ferrol e Cee e noutros 83 puntos de vacinación-. No caso das áreas de Ferrol e da Coruña e Cee, as porcentaxes de adherencia alcanzaron o 81,6% e o 80,4%, respectivamente, de forma que a porcentaxe global foi do 77,43%. Isto significa que dúas de cada dez persoas chamadas a inocularse con AstraZeneca rexeitaron a vacina.

O último balance facilitado polo Ministerio de Sanidade recolle que das 786.365 vacinas recibidas, Galiza administrou 657.774, 83,6% do total, aínda por baixo da media estatal, que se sitúa en 85,3%.

Porén, a campaña de vacinación continúa, de acordo coa estratexia acordada esta semana polas comunidades autónomas e o Ministerio, e que contempla a vacinación das persoas entre 66 e 69 anos coa solución de Oxford e AstraZeneca.

Vacinación masiva

Segundo datos do informe de vacinación do Ministerio de Sanidade Galiza conta con 346.927 persoas a vacinar entre 60 e 69 anos. Mais de momento, Galiza limita o chamamento aos menores de 65 anos. Esta fin de semana o Sergas convocou 25.000 persoas das sete áreas sanitarias, ademais doutras 27.000 maiores de 80 anos e de entre 75 e 79 anos, que serán inmunizadas co preparado de Pfizer.

A día de hoxe, en Galiza hai 472.331 persoas que recibiron polo menos unha dose da vacina, mentres 185.443 contan coa pauta completa. Entre a poboación maior de 80 anos, 214.248
xa recibiron unha dose, 91,4% das 234.302 que se encontran nesta franxa de idade, na media do Estado.

Os maiores de 80 anos coa pauta completa son 101.251, 43,2% do total, sete puntos por baixo da media estatal que se sitúa en 50,7%.