500 voluntari@s móllanse polos ríos na V limpeza simultánea de Adega

Imaxe: Proxecto Ríos
O obxectivo desta actividade ''non é achegar man de obra barata'', senón concienciar sobre o necesario compromiso co medio ambiente. Os grupos que levan cinco anos participando constatan que, efectivamente, no mesmo treito a cantidade de lixo vai a menos. Aínda así, os residuos que se xuntaron en todos os concellos suman 10 toneladas

Máis de 500 persoas voluntarias molláronse esta fin de semana en que se desenvolveu a V limpeza simultánea dos ríos galegos organizada pola asociación ecoloxista Adega. 

Entre os refugallos recollidos hai pezas de carros ou tambores das lavadoras, televisións, roupa e calzado, para alén dos plásticos que, "como sempre", abundaron.

Informa o colectivo nun comunicado que as tarefas desenvolvidas nesta quinta limpeza se centraron tamén en arrincar das marxes dos ríos plantas bioinvasoras.

Segundo Adega, os grupos de traballo que iniciaron esta actividade hai cinco anos constatan que "no mesmo treito hai cada vez menos lixo", e achacan tal circunstancia a que a concienciación da cidadanía en prol do ecoloxismo vai en aumento.

Aínda así, calculan que os residuos que se xuntaron en todos os concellos --un total de 34-- suman 10 toneladas. Porén, o obxectivo destas xornadas de voluntariado, organizadas por Proxecto Ríos, "non é achegar man de obra barata" que limpe o lixo que outr@s deitan, senón sensibilizar e incidir na necesaria protección dos ríos e do medio ambiente.