O 50% dos virus secuenciados pertecen a cepa británica

Unha técnica analizando unha PCR. (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press)
Sanidade comunica que o 50% dos virus secuenciados proceden da cepa británica. Nós Diario xa avanzaba este feito nuha publicación da semana pasada. 

Segundo a Consellaría de Sanidade, 50% dos virus secuenciados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) proceden da cepa británica.

Así o advertiu no día de hoxe o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Nuñez Feixoo, “unha parte significativa da explosión de contaxios que se produce na terceira vaga, ven como consecuencia da mutación do virus e de que esta cepa estase a converter na dominante”, sinalaba.

Nós Diario, nunha información publicada o día 4 de febreiro, puña de manifesto que a variante procedente do Reino Unido estaba xa consolidada na Galiza e que a transmisión era a esas alturas comunitarias.

En declaracións a este medio, Tomas Camacho, xefe de Servizo de Análise Clínica de VithasLab (centro de referencia para unha vintena de clínicas privadas do Estado, con sede en Vigo), explicaba que, xa por aquel momento, identificou a variante británica en 16% dos casos positivos detectados.

“Primeiro mediante PCR, a través dun equipo que nos alerta dunha variante distinta á clásica. Mais só a través da secuenciación xenómica é posíbel confirmar o apelido desta cepa”, recoñecía, a información complementaria é fundamental “para iniciar o que se denomina epidemioloxía xenómica, que nos permite coñecer a trazabilidade dos contactos”.

Neste sentido destacaba a transmisión comunitaria da cepa británica, xa consolidada na Galiza desde os primeiros contaxios, o risco de importar a cepa brasileira e a forza dos “eventos supercontaxiadores” como auténticos propagadores do coronavirus. “Na primeira vaga foron chave”.

Camacho coincidía coas conclusións dun estudo da USC que mantén os supercontaxiadores como “motor” da crise sanitaria actual e orixe de grandes focos, máis aló de cal sexa a cepa predominante.