Os 50 anos da Revolución dos Cravos, a análise nun especial 'Sermos Galiza'

Capa do Sermos Galiza monográfico.

Unha vintena de referentes da Galiza e Portugal analizan nun Sermos Galiza monográfico de 48 páxinas a realidade a ambas as beiras do Miño desde a Revolución dos Cravos a hoxe, así como as posibilidades e oportunidades de futuro que están a ser traballadas e as que tamén fican por aínda explorar. O sábado 20 de abril, con Nós Diario.

"Grândola, Vila Morena" soaba pola radio. O Movimento das Forças Armadas (MFA) e o pobo portugués daban inicio á Revolución dos Cravos. De aquel 25 de abril de 1974 fanse este mes 50 anos. Para conmemorar este fito histórico e a súa influencia na Galiza, Nós Diario acompañarase o 20 de abril dun monográfico do semanario Sermos Galiza titulado "50 anos da Revolución dos Cravos. Galiza e Portugal, tan perto e tan lonxe". 

A revista achegará 48 páxinas nas que unha vintena de referentes da Galiza e de Portugal de moi distintos campos -xornalismo, economía, dereitos sociais, institucións municipais, sectores produtivos, artes, xornalismo, lingua...- repasan a realidade a ambas as beiras do Miño desde a Revolución a hoxe, así como as posibilidades e oportunidades de futuro que están a ser traballadas e as que tamén fican por aínda explorar.

A catedrática de Comunicación, xornalista e cineasta Margarita Ledo Andión abre o monográfico repasando a actividade no Radio Clube Português no tempo do seu exilio en Porto, porque a Revolución dos Cravos tamén supuxo acollemento para a Galiza que aínda vivía baixo a ditadura franquista.

O xornalista portugués e correspondente deste xornal, Bruno Amaral de Carvalho, entrevista neste número especial o Coronel António Delgado da Fonseca, fulcral para o triunfo da Revolución en Porto, e con el repasa os acontecementos e o devir daquel abril de 1974.

Ricardo Noronha, investigador do Instituto de História Contemporânea e autor de obras como A Banca ao Serviço do Povo: Política e Economia durante o PREC (1974-75), analiza nos eu artigo para Sermos Galiza o período revolucionario en Portugal.

Xa ollando ao país veciño na actualidade e cara ao futuro, o propio Bruno Amaral de Carvalho entrevista analistas portugueses arredor da situación após as eleccións lusas do pasado 10 de marzo, reparando no triunfo da dereita co PSD e da suba de representación da ultradereitista Chega.

Pola súa parte, Diego Sande Veiga, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coordinador da Liña e Investigación en Economía do Instituto Galego de Análises e Documentación Internacional (IGADI) e analista en Nós Diario aborda as relacións económicas da Galiza e Portugal, mentres que no seu respectivo artigo, Inês Gusman, doutora e investigadora no Departamento de Xeografía na Universidade de Santiago e tamén analista neste xornal, analiza a evolución das infraestruturas que unen ambos os países e aquelas pendentes para unha vertebración dos territorios galegos e portugués co ferrocarril como material pendente.

Sobre as relacións políticas-institucionais-administrativas departen Lois Pérez Castrillo, experto en proxectos europeos, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, nun artigo no que Vázquez Mao analiza os retos por lograr en ambos os territorios e as experiencias do Eixo Atlántico que aproximan ambas as realidades, reparando nunha análise da situación e estabelecendo prioridades e liñas de actuación en infraestruturas, economía, cultura, sociedade, política exterior ou lingua.

Alba Regueiro aborda o exemplo das eurocidades como aposta pola mancomunidade, conversando con alcaldesas e alcaldes e representantes institucionais das eurocidades (Tui-Valença do Minho, Tomiño-Vilanova de Cerveira, Salvaterra de Miño-Monçao e Verín-Chaves).

O profesor en Enxeñaría do Ambiente João Camargo, investigador do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa, no doutoramento em Alterações Climáticas e Políticas de Desenvolvimento Sustentável, e autor de libros de gran suceso como Que Se Lixe a Troika, analiza a problemática partillada do eucalipto, as celulosas, os incendios forestais e a emerxencia climática.

A Investigadora doutoranda e militante do movimento Vida Justa Rita Silva aborda a situación da vivenda en Portugal: "Temos, em várias zonas da área metropolitana de Lisboa trabalhadores que saem de manhã para trabalhar e voltam à noite para dormir numa tenda ou construção ilegal ou, por outro lado, a saída de jovens que, sem perspetivas de vida em Portugal, emigram, num nível que compete com a saída de pessoas do país nos anos da ditadura", analiza Silva.

A filóloga e investigadora dos elementos lingüísticos e culturais do Baixo Miño e analista en Nós Diario Helena Pousa analiza neste especial as ligazóns inmateriais que unen ambos os territorios e repara en experiencias de cooperación.

Repasamos momentos chave da historia da man do investigador Héitor Picallo, que analiza o pasado medieval común que nos uniu, un reino esquecido a ambas as beiras, cun artigo titulado "Portugal: De condado da Galiza a reino independente".

Xico de Carinho, unha das persoas máis importantes da música galega desde os anos 70, somérxese na impronta que tivo José Afonso na Galiza, o cantor do "Grândola, Vila Morena" e con quen prtillou distintos momentos.

A cantora Uxía Senlle analiza neste especial Sermos Galiza as ligazóns nas músicas da Galiza e de Portugal, a experiencia de Cantos da Maré e departe sobre como se poderían multiplicar estas experiencias fulcrais e ligazóns.

Seguindo no campo da creación, o crítico de cinema e colaborador deste xornal, Martin Pawley, analiza o cinema da Revolución de abril de 1974. "A Revolução dos Cravos abriu un tempo de liberdade e de esperanza nun país novo que rompese coas estruturas reaccionarias do 'Deus, Pátria, Autoridade'. O cinema recolleu con fervor militante e reflexión crítica os soños e os desencantos daquel período", destaca.

O crítico e xornalista cultural de Nós Diario Manuel Xestoso analizan as relacións que existen e as oportunidades e necesidades de amplificalas nas artes da Galiza e Portugal en múltiples planos como a escena ou a pintura.

O ramo pono o poema inédito do escritor e xornalista José Viale Moutinho, que fecha a publicación. Viale foi elixido académico de honra electo da Real Academia Galega, pero renunciou a tomar posesión en solidariedade con Xosé Luís Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia da RAG. Sempre estivo moi vinculado ao país e traduciu a Xosé Neira Vilas, Castelao, Valentín Lamas Carvajal, Manuel María ou o propio Méndez Ferrín.