“Entre o 50 e o 70% das discotecas e salas de festas” da Galiza desaparecerán pola pandemia

Imaxe de arquivo da encargada dun local nocturno fechando a porta. (Foto: María José López / Europa Press)

O presidente da asociación Fesdiga, Samuel Pousada, ten claro que se as prohibicións pola situación sanitaria se alongan demasiado mesmo podería ser o fin “do 100%” do ocio nocturno do país. Para o sector demanda axudas económicas e non solucións temporais que poderían ter problemas xudiciais.

O sector da hostalaría é un dos máis afectados na Galiza polas medidas restritivas que provoca a ameaza da pandemia. É unha visión xeneralizada. Á marxe de que o empresariado se fixera escoitar alto e claro nas súas protestas. Porén, dentro dese mercado as e os máis prexudicados semellan ser os responsábeis de pubs, discotecas e salas de festa, que pasaron o confinamento fechados e gran parte da ‘nova normalidade’ nesas mesmas condicións ou con amplas limitacións ao seu traballo. Tal e como están as cousas, a patronal do ocio nocturno estima que “entre o 50 e o 70% dos negocios” desaparecerán definitivamente pola pandemia.

“Creo que non vai desaparecer todo pero temos estimacións de que desaparecerá entre o 50 e o 70% do ocio nocturno”, indica o presidente da asociación de salas de festa e discotecas da Galiza (Fesdiga), Samuel Pousada. En consecuencia, haberá despedimentos e máis desemprego nunha parte do mercado turístico galego.

Iso se as consecuencias do virus “non se alongan moito, senón fechará o 100%”.  De feito, o representante do sector asegura que xa houbo feches e que o “goteo” pola Covid-19 é constante, porque é complexo manter o nivel de gastos cando os ingresos non acompañan a estes negocios.

Hai algúns plans de concellos ou da Xunta, como que o que promoveu o Consistorio da Coruña para que os pubs poidan variar temporalmente a súa licenza e traballar como cafetarías. Pero Pousada demanda ir un paso máis aló e que se impulse “un plan de rescate porque senón a maior parte do ocio nocturno vai desaparecer”.

Sobre o cambio puntual das licencias de actividade, ten moitas dúbidas. “Ao meu entender ese tipo de propostas semellan ridículas”, di, malia recoñecer que haberá casos de locais pequenos aos “que lles interese” acollerse a ese ofrecemento.

Dúbidas sobre o encaixe legal

Na opinión da patronal do sector, pode haber vantaxes (como seguir en funcionamento durante este tempo) pero o empresariado da Coruña tamén podería correr “riscos”. “Para os locais grandes non ten interese abrir así e, ademais, farían a competencia ás cafetarías”, reflexiona. No caso de que acudira a xente, algo que non prevé porque as discotecas están preparadas para música e moitas luces, un ambiente creado artificialmente, polo que a maioría son espazos escuros.

No entanto, non é o que máis preocupa. Pousada pensa que para facer o cambio de licencia “habería que modificar as leis porque senón pode haber irregularidades”.

De feito, ten medo a que as e os compañeiros que se acollan á medida -aínda que pensa que será un número reducido- non poidan retomar as súas licencias orixinais despois dun tempo.

O que sería xusto é “reclamar a apertura en condicións dignas”. De momento iso parece bastante improbábel dadas as novas condicións de confinamento en lugares como Ourense e Barbadás e o incremento do nivel de risco noutras vilas. A pasada sexta feira mesmo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volvía apuntar á hostalaría como foco dos contaxios. Facíao ao relacionar a mala evolución epidemiolóxica no Carballiño “ás reunións en bares”.

Competencia e plan de rescate

No medio das acusacións, desde Fesdiga se reclama que se poña coto ás festas ilegais, que non teñen que cumprir as férreas normas deste sector profesional e que si están detrás dalgúns surtos. Sen ir máis lonxe, esta pasada semana sabíase de novo dunha vintena de quedadas en pisos de Compostela de forma ilegal, saltando todas as recomendacións sanitarias e de seguridade fronte ao coronavirus.

As e os empresarios están fartos de que os “criminalicen” e piden á Xunta unhas axudas que permitan compensar os cartos que perden por permanecer fechados. “Hai un agravio comparativo entre o ocio de día e o ocio nocturno”, subliña o representante.

Desde o seu punto de vista as Administracións “son responsábeis subsidiarias” e igual que acompañan a outras empresas cos ERTE, neste caso poderían evitarlles aos estabelecementos pagos como “o IBI, a auga, a recollida de lixo, outros impostos...” ou aportar os cartos para que lles fagan fronte, ao igual que a alugueres e hipotecas, a pesar de estar sen ingresos estábeis desde hai varios meses.