49 falecidos na Galiza no que vai de agosto polas altas temperaturas

As altas temperaturas afectan toda Galiza este verán. (Foto: Europa Press)
Excepto tres persoas, todos os mortos tiñan máis de 64 anos de idade.

Entre 1 e 13 de agosto perderon a vida na Galiza 49 persoas como consecuencia das altas temperaturas, segundo o sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III, que recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade.

Esas 49 persoas falecidas nestas dúas semanas son 10 máis das mortas pola calor en todo o mes de xullo no país (39). O mesmo número, 39, que as falecidas polas mesmas circunstancias en xuño. Así pois, de 1 de xuño a 13 de agosto, a cifra de persoas mortas na Galiza polas altas temperaturas é de 127.

Das 49 falecidas no que vai de agosto, a maioría son mulleres (33), mentres que os homes foron 16. Ademais, e excepto 3 persoas, todos os mortos tiñan máis de 64 anos de idade.
A mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor ou por conxelación.

O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo a Unidade de Cambio Climático e Saúde do Instituto de Saúde Carlos III.