43 parques eólicos con 1.063 Mw están situados nas Reservas da Biosfera galegas

Parque eólico emprazado na Serra do Xistral. (Foto: Luis Vilanova)
O informe do Consello Científico, ao que tivo acceso 'Nós Diario', pide vetar os parques eólicos en zonas protexidas pola Unesco.

O Consello Científico do Comité Español do programa Home e Biosfera (MaB) da Organización das Nacións Unidas para a Educación a Ciencia e a Cultura (Unesco) vén de rematar un documento onde reclama prohibir o emprazamento de parques eólicos nos diversos territorios que fan parte das distintas Reservas de Biosfera galegas. Neste sentido, o relatorio, ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, explica que a normativa actual impide desenvolver proxectos eólicos nas zonas núcleo e tapón das Reservas da Biosfera pero non na zona de transición. Ao tempo, defende estender estas limitacións ás centrais 
hidroeléctricas. 

O documento será sometido a aprobación no vindeiro mes de setembro nunha asemblea mundial deste programa. A este respecto, destaca que as Reservas da Biosfera son territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza. As áreas están recoñecidas internacionalmente, aínda que permanecen baixo a soberanía dos seus respectivos Estados, e non están cubertas nin protexidas por ningún tratado internacional, situándose a súa orixe nunha proposta da Unesco do ano 1971.

O impacto ambiental

O impacto das instalacións eólicas nas Reservas da Biosfera galegas é importante. Segundo o Informe sobre a viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termo solares, incluída a repotenciación e infraestruturas asociadas nos territorios declarados Reservas de Biosfera no Estado español, elaborado polo Consello Científico do Comité Español do programa Home e Biosfera, a Galiza conta con “43 parques eólicos. Estes parques posúen unha potencia instalada de máis de 1.063,8 megawatts. Nos mesmos, rexístrase un total de 1.084 aeroxeradores e 35 subestacións de transformación e instalacións de mantemento”.

Unha boa parte dos desenvolvementos eólicos nas Reservas da Biosfera emprázanse en zonas prohibidas pola Unesco para esta actividade. Así, o relatorio do Consello Científico do Comité Español do programa Home e Biosfera indica que do total de instalacións situadas nas reservas galegas, na zona núcleo construíronse un total de 27 parques eólicos (63% dos situados nas reservas galegas) que desenvolven unha potencia de 610,1 MW (57% do total). Asemade, a zona tampón rexistra “un total de 10 parques eólicos, que reúnen unha potencia de 297,5 MW, producida por un total de 300 aeroxeradores e distribuída a través dun total de 13 subestacións de transformación”.
Tres reservas da Biosfera da Galiza acollen desenvolvementos eólicos. Así, a máis extensa delas, Terras do Miño, que incorpora os concellos de Abadín, Alfoz, A Pastoriza, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guntín, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo, O Páramo, Ourol, Outeiro de Rei, O Valadouro, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba, Xermade, suma 40 parques eólicos, 990 aeroxeradores e una potencia instalada de 972,6 megawatts. Precisamente, 907,6 destes sitúanse en zonas non autorizadas pola Unesco. 

A Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón emprázase nos concellos da Fonsagrada, A Pontenova, Baleira, Negueira de Muñiz, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada. Neste caso, a potencia eólica instalada é de 148,5 megawatts, distribuídos en dous parques e 143 aeroxeradores. Asemade, a Reserva da Biosfera do Xurés, situada nos concello arraianos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, dispón de oito arexeradores cunha potencia total de 7,7 MW.

As consecuencias dos desenvolvementos eólicos nas Reservas da Biosfera preocupa moito ao persoal técnico da Unesco. Nesta liña, os científicos autores do informe para a este organismo conclúen que “en definitiva, o desenvolvemento eólico nas reservas galegas seguiron un proceso totalmente oposto ao estabelecido nos criterios de zonificación fixados no Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas de Biosfera, e incluídos no marco xurídico español a través do artigo 67 da Lei 42/2007”.

A situación máis preocupante dáse na Reserva da Biosfera Terras de Miño, onde se incorpora a Serra do Xistral, auténtica zona cero da actividade eólica na Galiza. A este respecto, o relatorio apunta que “a avaliación das áreas de instalación dos parques eólicos permitiu identificar que a práctica totalidade dos instalados na zona núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño establecéronse sobre superficies conformadas por turbeiras de cobertor, turbeiras altas, brezais húmidos atlánticos, turbeiras arborizadas e pradarías higroturbosas de Nardus stricta”.

Críticas do persoal científico da Unesco

O problema é, tamén, serio na Reserva da Biosfera de río Eo, Oscos e Terras de Burón. Neste sentido, o relatorio dos asesores científicos da Unesco resalta que “a construción dos parques eólicos tivo un efecto moi negativo sobre a configuración da biodiversidade do territorio, correspondendo 80% da área con distintos tipos de hábitats de interese comunitario”.

A Xunta vén de aprobar 20 parques eólicos na área protexida pola Unesco

O Goberno galego de Alfonso Rueda aprobou na cuarta feira outros 20 parques eólicos emprazados nas Reservas de Biosfera galegas. As instalacións, que recibiron a súa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) no pasado mes de xaneiro, localízanse maiormente na Reserva de Biosfera das Mariñas e das Terras de Mandeo. Entres estes, incorpóranse unha parte importante dos complexos proxectados no monte Gato, tendo reclamado os opositores aos mesmos un informe ao do Comité Español do programa Home e Biosfera.

As instalacións eólicas previstas na Reserva de Biosfera das Mariñas e das Terras de Mandeo inclúen ao parque Feas de 40 megawatts, o parque Legre de 37,9 megawatts ou ao parque de Meirama, entre Cerceda e A Laracha, onde a zona de actuación da liña sobreponse nuns 400 metros do tramo soterrado nos límites da reserva. Ao tempo, nesta mesma área de protección están aprobados polo Goberno galego os parques de Carboeiro (Arteixo, Culleredo e A Laracha), Felga (Aranga, Coirós e Oza-Cesuras), Gato (Aranga e Oza-Cesuras), Penas Boas (Oza-Cesuras e Aranga) e Seselle (Oza-Cesuras). A Reserva da Biosfera de Terra Miño foi escollida para instalar os complexos eólicos da serra da Piñeira con 35 megawatts, Reboiro (Baralla, Castroverde e O Corgo), Monte do Cordal (Friol), Farrapa II (Abadín) e Serra da Piñeira (Becerreá, Baralla e Láncara). Asemade, está autorizado o complexo de San Cristovo, con 28 megawatts na reserva de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.