Un total de 413 novos contaxios en 24 horas sitúan Galiza a niveis de finais de marzo

Veciñas e veciños de Ourense pasean pola rúa o 3 de outubro (Imaxe: Europa Press).

Os positivos por coronavirus detectados nas últimas 24 horas na Galiza disparáronse a 413, unha cifra que se sitúa en niveis de finais de marzo. Máis da metade das infeccións diarias, unhas 235, rexístranse na área sanitaria de Ourense, que marca récord histórico debido aos dous novos brotes en dúas residencias, con máis de 150 casos.

Segundo o parte desta sexta feira da Consellaría de Sanidade, con datos a última hora da quinta feira, os casos activos de Covid-19 -persoas que aínda padecen a enfermidade- sitúanse en 4.264 en total, 181 máis que hai un día.

En canto aos curados, son xa 21.106, o que significa que ao longo da última xornada se deron 246 altas. Ademais, nos últimos datos de Sanidade constan 776 falecidos diagnosticados de coronavirus, dous máis.

En concreto, na tarde da quinta feira notificouse a morte dun home de 61 anos no Hospital Montecelo de Pontevedra -pai dunha das traballadoras da planta avícola de Cambados na que se rexistrou un brote- o doutro home, de 57, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Así mesmo, Sanidade informa de que até o momento se realizaron 537.192 probas fronte ás 531.410 do parte anterior, o que supón 5.782 PCR en 24 horas. Destas, 8,2% arroxou resultado positivo, máis do dobre con respecto á xornada anterior, cando foi o 4%.

Desde o inicio da pandemia, Galiza sumou un total de 26.146 casos de coronavirus.

No día de hoxe a Xunta deu a coñecer os mapas de incidencia do virus, con datos do día 7 de outubro. Nese momento había nove concellos en alerta vermella.

Datos por áreas sanitarias

Por áreas sanitarias, a de Ourense, Verín e O Barco anota 235 novos contaxios, o que supón a cifra máis alta de toda a pandemia e máis da metade dos detectados en toda Galiza nas últimas 24 horas. Teñen relación con este aumento os dous surtos detectados nas residencias de Pereiro de Aguiar e de Monterrei. Ademais, as persoas coa enfermidade soben a 1.351. Cabe destacar que, nesta área, a porcentaxe de positividade das probas realizadas sitúase xa no 19,5%.

A segunda área con máis contaxios diarios, 51 nas últimas 24 horas, é a de Vigo, que conta con 433 casos activos. Segue a esta a de Santiago e O Barbanza, con 49 novos positivos e 552 persoas coa enfermidade aínda activa.

Na área da Coruña e Cee, detectáronse 31 novos positivos por PCR e os casos activos son 757. A maiores, son 20 novos na de Pontevedra e O Salnés, que conta con 573 pacientes, e 18 novos diagnósticos na de Lugo, A Mariña e Monforte, con 494 casos activos de Covid-19.

A área de Ferrol é a que menos positivos detectados nas últimas 24 horas suma, con 8, mentres que o número actual de pacientes se sitúa en 104.