40% das derivacións da Xunta a xeriátricos atinxen persoas con doenzas psiquiátricas

Unha muller no comedor dunha residencia de persoas maiores (Foto: R.D.F.)
Inspectoras de Servizos Sociais demandan especialistas nas residencias.

A Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss) denuncia que as residencias de persoas maiores do país con prazas públicas están a ser utilizadas como “centros de internamento para pacientes psiquiátricos”. Así o sinalou o presidente da asociación, Marcelino Vidal Casas, que responsabiliza as Consellarías de Sanidade e de Política Social desta situación. 

En conversa con Nós Diario, explica que se están a derivar a estes centros específicos para maiores persoas “con outras patoloxías”, entre elas, con idades “inferiores aos 65 anos e con trastornos psicolóxicos”, polo que “necesitan outro tipo de tratamentos e de coidados”. Así, mantén que o cadro de persoal das residencias de maiores non está preparado para tratar este tipo de casos e que cómpre atendelos “en centros que conten cos profesionais adecuados”.

Un dos inspectores da Agiss na área de persoas maiores e dependencia, e especializado nesta problemática, Manuel Fernández [nome figurado, prefire manter a súa identidade no anonimato] explica a Nós Diario que, se ben a situación “xa vén de atrás”, agravouse a raíz da creación da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria que depende da Consellaría de Política Social. “Hai dous anos, a partir da pandemia [da Covid-19], a Consellaría montou un comité de expertos e unha dirección xeral sociosanitaria; nese momento o incremento de casos foi enorme”. 

Estas persoas con problemas psiquiátricos que se están a derivar ás residencias, anteriormente eran atendidas en centros psiquiátricos como o de Conxo (Santiago de Compostela), mais "a Dirección sociosanitaria comezouno a baleirar”. “Non pensaron en crear hospitais adecuados para estes pacientes con enfermidades mentais e decidiron derivalos ás prazas públicas [das residencias] por emerxencia social”.

Existen diferentes formas de xestión das residencias de maiores. Ademais das residencias privadas, hai residencias públicas de xestión privada ou pública, como Volta do Castro (Santiago), mais tamén residencias privadas con prazas públicas pagadas pola Xunta, como acontece en moitos dos centros de Domusvi. Fernández sostén que “todas as [residencias] que teñen prazas públicas experimentan este problema” culpabilizando a Dirección Sociosanitaria de “meter persoas con doenzas psiquiátricas, con diversidade funcional ou mesmo con enfermidades perigosas” nestes centros. Sinala que nunha residencia privada con prazas públicas indicáronlle que “desde hai un ano só tiveron un psiquiatra”.

10% das persoas derivadas teñen doenzas psiquiátricas

Fernández explica que, a día de hoxe e no conxunto da Galiza, arredor de 40% das persoas que entran por emerxencia social nas residencias de maiores ocupando prazas públicas son pacientes de psiquiatría. Aliás, calcula que 10% de residentes dos centros de maiores son persoas con doenzas psiquiátricas que deberían ser atendidas en unidades de coidado especializado. “Dese 10%, 8% foi só deste ano”, engade Fernández, “e segue aumentando”. Sostén que non se ten en conta a idade destas persoas derivadas, “entra xente incluso de 40 anos” e critica que estas prazas públicas “desaparecen para dar ás persoas maiores que as precisan”.

Urxen a creación de unidades de atención especializada

Desde a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais demandan que se creen unidades especializadas ás que derivar as persoas con problemas psiquiátricos e “mentres non suceda”, urxen que se dote “as residencias de maiores con persoal formado”, sostén o inspector da Agiss. Nestes momentos “non hai ninguén nos centros que saiba tratar estas persoas”, critica o inspector “nunha residencia de maiores non é obrigatorio ter persoal médico ou psiquiátrico”.

Nesta liña, o presidente da asociación, Marcelino Vidal, advirte de que “ao non haber profesionais adecuados, pode suceder algún accidente grave”. Ademais, critican “o papel nefasto da Dirección Sociosanitaria”, dependente da Consellaría de Política Social, cuxos “intereses non son os servizos sociais" senón que "teñen outros que descoñecemos”.