40 anos do referendo da OTAN: só unha de cada cinco galegas e galegos votaron a favor nunha consulta con baixa participación
O 12 de marzo de 1986 o Estado español acolleu o referendo sobre a permanencia na OTAN, que sairía adiante cunha vitoria pola mínima do ‘si’. Das 2.220.686 galegas e galegos chamados a votar, só 786.916 acudiron ás urnas.
Hai 40 anos, o 12 de marzo de 1986, o pobo galego foi chamado ás urnas para decidir sobre a permanencia do Estado español na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Un refendo no que participou 59,4% do electorado, do que 56,85% votou o “si” á permanencia na OTAN, porcentaxe que Felipe González, que en 1982 abandeirara unha intensa campaña contra o ingreso do Estado español na alianza militar encabezada polos Estados Unidos, cualificou de “éxito de todo o pobo español”.
O ingreso do Estado na OTAN foi aprobado no Congreso dos Deputados o 30 de maio de 1982, unha decisión que contou co apoio da Unión de Centro Democrático (UCD), liderada naquel momento polo presidente do Executivo, Leopoldo Calvo-Sotelo; de Alianza Popular (AP), do PNV e de CiU. Sumaron así 186 votos a favor, fronte a 146 en contra das formacións da esquerda, incluíndo PSOE e PCE.
As condicións aprobadas pola cidadanía naquel referendo de 1986 nunca chegaron a cumprirse, xa que a poboación validou, seguindo os termos do referendo, que "a participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á estrutura militar integrada", o que implicaba a ausencia das tropas españolas nos operativos bélicos da OTAN. A participación de tropas españolas na primeira guerra do Golfo (1991) confirmou que o Estado entrara de facto na alianza militar.
A conmemoración destes 40 anos coincide cun contexto internacional de escalada bélica, a guerra de Estados Unidos e Israel no Irán abre de novo o debate sobre o papel do Estado español na OTAN e o rexeitamento da cidadanía aos conflitos bélicos, como se puido escoitar nas últimas manifestacións convocadas pola plataforma Galiza pola Paz, nas que se volveu escoitar o berro de “OTAN non, bases fóra!”.
Cantas galegas e galegos votaron en contra da OTAN?
Naquel marzo de 1986 tan só 38,51% das galegas e dos galegos acudiron ás urnas. 20,94% da poboación votou ‘si’ a OTAN sobre o censo total; é dicir, 465.103 votos sobre as 2.220.686 persoas que estaban chamadas a votar no noso país. De entre as persoas que emitiron o seu voto, o 'si' obtivo algo máis de 59% dos apoios.
Foron moitos as organizacións políticas galegas que naquel momento se posicionaron contrarias á permanencia na OTAN. Porén, só 321.809 galegas acudiron ao referendo votar ‘non’ á OTAN. Unha participación de apenas 38,51%, a máis baixa de todo o Estado e máis de 20 puntos inferior á media (59,42%).
Ao contrario que na Galiza, en Euskadi o non ‘impúxose’ con 67,55% dos votos, un rexeitamento ao que tamén se sumaron Nafarroa, con 56,72%; Catalunya, con 53,72%, e Canarias o 53,69%.
O lema “OTAN non” continúa presenta na Galiza
A plataforma Galiza pola Paz nacía en abril de 2025, plasmando desde a súa fundación o seu rexeitamento ao militarismo, á OTAN e á guerra. Un posiconamento polo que en diversas ocasións exixiron a inmediata saída do Estado español da OTAN. Neste senso, unha comitiva de galegas e galegos integrantes do colectivo Galiza Contra a OTAN desprazábase até Madrid en xuño de 2022 para "amosar o rexeitamento da Galiza á OTAN" na multitudinaria marcha convocada a nivel estatal contra a organización militar.
Esta mesma quinta feira o BNG lembrou que desde o 12 de marzo de 1986 o Estado español participou en múltiples conflitos bélicos, como os de Serbia, Afganistán, Iraq ou Libia, entre outros. Os nacionalistas aproveitaron a ocasión para reivindicar o seu rexeitamento á organización: “Pola paz, OTAN non, bases fóra”.