37,6% da cidadanía agarda máis de seis días por unha cita en Atención Primaria

A falla de profesionais provoca as listas de agarda en Atención Primaria (Foto: Europa Press).
As listas de agarda estanse cronificando en Atención Primaria. Os datos achegados polo Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade de 2022 sinalan que 83,8% das galegas e galegos tiveron que agardar para conseguir unha cita co seu médico de cabeceira. O tempo de espera de 37,6% deles foi superior a seis días.

O Barómetro Sanitario é un estudo de opinión que realiza cunha periodicidade anual desde 1993 o Ministerio de Sanidade en colaboración co Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para coñecer o funcionamento do sistema sanitario público e o grao de satisfacción da cidadanía cos servizos prestados. Os datos achegados polo estudo non só dan contan da percepción das persoas usuarias sobre a marcha do modelo de saúde, senón que achegan información sobre o estado dos diversos niveis sanitarios.

Así, reflicte que 83,8% da cidadanía galega debeu agardar máis dun día por unha cita coa súa médica ou médico de cabeceira. Segundo os datos fornecidos polo Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade de 2022, 17,7% das persoas usuarias foron atendidas ao día seguinte de solicitar a consulta.

Ao tempo, 66,1% das persoas demandantes deberon esperar máis de dous días pola súa cita, realizándose en máis de 50% dos casos a consulta por vía telefónica, sen posibilidade dun encontro presencial coa médica ou médico de cabeceira.

Só en 0,7% dos centros de saúde da Galiza non se precisa cita para conseguir unha consulta. Neste sentido, 6,6% das persoas usuarias resultaron atendidas no mesmo día en que solicitaron o servizo médico, superando o tempo de agarda de máis dun día 5,2% das persoas doentes, porque “lle interesaba ou lle viña mellor” ao demandante da asistencia sanitaria. Na mesma dirección, 1,8% da poboación galega non solicitou asistencia nos diversos servizos da rede de primaria durante o ano 2022. 

Os tempos de espera

37,6% da cidadanía galega esperou máis de seis días por unha cita en Atención Primaria. A este respecto, o Barómetro Sanitario sinala que 11,5% da poboación agardou “11 ou máis días” por unha consulta coa súa médica ou médico de cabeceira. O tempo de espera do 10,1% da cidadanía ficou no prazo de “entre 8 e 10 días” e do 16% en sete días. As cifras do último Barómetro Sanitario rexistran uns resultados inéditos en toda a serie histórica, superando os tempos de espera dos anos da propia pandemia.
O tempo de agarda para 19,2% dos usuarios da sanidade pública situouse en dous días.

A maiores, a espera para 20,1% da cidadanía galega ficou en tres días, sendo de catro días para 10,4%. Na mesma dirección, 8,1% da cidadanía agardou cinco días por unha consulta co seu médico de cabeceira e 4% seis días. Nesta última franxa, o período de espera na Galiza colocouse por riba da media do estatal, fixada en 6,7% e 2,5%.

O Goberno galego recoñece implicitamente o problema das esperas na Atención Primaria. O presidente, Alfonso Rueda, sinalou que 42.828 doentes con patoloxías crónicas ou pluripatolóxicas non foron revisados nos últimos seis meses polo seu médico de cabeceira, en contra do que recollen os propios protocolos do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nesta liña, o Goberno galego comprometeuse a citar este colectivo no primeiro semestre de 2023. 

Os tempos de espera na Atención Primaria non sorprenden aos profesionais do sector. Así, o secretario da CIG-Saúde e médico de familia en Vigo, Manuel González Moreira, sinala a Nós Diario que “demorar unha consulta dous ou tres días non é grave pero demorala máis ala dunha semana xa vai máis alá do que é tolerábel”. Neste sentido, denuncia que “os tempos de espera son consecuencia da falla de profesionais” e lembra que “comezamos o día cunha axenda pero expándese até o infinito ao longo da xornada”. 

Neste sentido, critica que as baixas do persoal médico "nunca se cobren con outros profesionais. Pero non só aquelas derivadas dunhas vacacións ou dun problema concreto dun día senón que hai prazas dotadas que permanecen vacantes durante meses e anos”. 

Enfermaría familiar

A presidenta da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, Genma Rodríguez, indica a Nós Diario que “ a situación da enfermaría na Atención Primaria é moi preocupante”. A este respecto, destaca que “o feito de que os profesionais da enfermaría roten tanto non dá confianza aos doentes e non xera a estabilidade necesaria para crear a confianza precisa cos usuarios dos servizos de saúde”.

A razón de ser da Atención Primaria

Genma Rodríguez apunta que “non hai prevención e promoción da saúde en Atención Primaria porque a carga de traballo é tal que nos vemos obrigadas a centrarnos nos doentes agudos, presentando unha asistencia deficiente aos crónicos, que foron abandonados polo sistema durante a pandemia