A falla de recursos económicos impide mercar fármacos prescritos

36.100 doentes non puideron comprar a medicación receitada en 2020

A falla de recursos económicos impide mercar a medicación prescrita a miles de galegos e galegas. (Foto: Europa Press).
As consecuencias do Real Decreto 16/2012 que fixou novos copagamentos farmacéuticos deixáronse notar na asistencia sanitaria da cidadanía galega. A medida, aprobada polo Goberno estatal de Mariano Raxoi atendendo as exixencias da Comisión Europea, puxo fin á gratuidade dos medicamentos para novas capas sociais.

Así, estabeleceuse a obrigatoriedade do pago de medicinas para pensionistas con rendas baixas, inferiores a 5.635 euros ou a 11.200 euros no caso de non estar obrigado a prestar declaración polo IRPF, a menores de idade con 33% ou máis de incapacidade ou a persoas con prestación económica por falla ou fillo menor a cargo.

Os datos da enquisa europea de saúde de 2020, ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), son clarificadores ao respecto. Así, nesa anualidade, 36.100 persoas residentes na Galiza non puideron mercar os medicamentos receitados polos seus médicos por carecer de medios económicos para facer fronte á súa contía. A porcentaxe de galegos e galegas carentes de recursos para comprar as medicinas prescritas representou 8,55% do total estatal, sendo este un dos territorios onde máis impacto negativo xerou a introdución do copagamento farmacéutico. Mentres 1,1% da poboación do Estado non dispuxo de medios económicos para acceder aos medicamentos, na Galiza a cifra ascendeu a 1,7%.

Os estudos realizados sobre a consecuencias do copagamento farmacéutico na calidade asistencial inciden no carácter de clase da medida. Neste sentido, Joan Benach, profesor da Universidade Pompeu Fabra e director do grupo de investigación de Desigualdades na Saúde, sinala que a redución que se produciu na demanda de medicamentos visualiza que o efecto do copagamento "foi maior no caso dos pobres".

É lóxico, indica, "que ante un aumento do prezo, o seu consumo se reduza máis nos pobres que nos ricos. Fixando a probabilidade de recibir atención para condicións nas que esta é altamente efectiva igual a 100 para os individuos do plan gratuíto, os pobres asignados a plans de copagamentos ven reducida moito máis esa probabilidade que os ricos asignados a eses mesmos plans”, conclúe Benach.

Os profesores da Universidade das Palmas de Gran Canaria Santiago Rodríguez e Alejandro Rodríguez Caro, no seu traballo O copagamento farmacéutico en España tras a reforma do ano 2012 desde a perspectiva do usuario. Evidencias de inequidade?, destacan que “a porcentaxe de persoas que manifestan non poder comprar medicamentos receitados por un médico da sanidade pública increméntase segundo se reduce o nivel de renda do fogar, até o punto de que cando esta se sitúa entre 300 e 600 euros mensuais a porcentaxe elévase até 11,9% e até 18,7% cando a renda é inferior a 300 euros”. Na mesma liña, indican que “igual acontece cando empeora o nivel de saúde e cando se está en paro laboral”.

En concreto, escriben Santiago Rodríguez e Alejandro Rodríguez Caro, “atopáronse diferenzas significativas na dificultade de comprar medicamentos en rendas de fogar inferiores a 300 euros, entre 300 e 600 euros, e entre 600 e 900 euros, tanto entre elas como con respecto ás rendas superiores".

Persoas en situación moi vulnerábel son exoneradas

O programa de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos recollía a derrogación do Real Decreto 16/2012. Porén, finalmente optaron por introducir nos Orzamentos do Estado unha contía económica para mitigar os seus efectos.

O novo marco en vigor desde 2021 mantén con carácter xeral o copagamento mais exclúe do mesmo determinados grupos nunha situación moi vulnerábel.

As persoas exoneradas son, entre outras, as perceptoras de rendas de integración social, de pensións non contributivas, discapacitadas nos supostos contemplados na lei e paradas sen subsidio de desemprego. Ao tempo, neste grupo atópanse cidadás e cidadáns con tratamentos derivados de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, así como persoas afectadas por síndrome tóxica.