Máis de 350 escolares presentan os proxectos realizados ao abeiro do Plan Revitaliza de compostaxe

Crianzas chegadas dos sete centros de ensino adscritos ao Plan Revitaliza de compostaxe presentaron onte no II Congreso de Educación Ambiental os proxectos derivados desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten na escola un dos seus piares fundamentais. Participaron 10.500 estudantes da provincia.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu esta terza feira a presentación dos proxectos sobre compostaxe das case once mil crianzas que ao longo deste curso traballaron no Plan Revitaliza, unha iniciativa impulsada polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, que pretende formar ao alumnado en materia de compostaxe e prevención de residuos urbanos.

 

O proxecto, que contou co deseño e supervisión do Centro de Educación e Investigación Ambiental de Galicia (Ceida) á hora de poñelo en práctica, difunde as bondades da compostaxe entre os escolares, definidos como “axentes multiplicadores” polo director do centro, Carlos Vales. O Plan Revitaliza pretende formar e sensibilizar aos máis novos na xestión dos residuos racional baseada na compostaxe, no reaproveitamento e na reciclaxe.

 

No acto, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores insistiu no seu compromiso coas políticas ecoloxistas e na obriga por parte das institucións de colaborar con este tipo de iniciativas co fin de “deixar o planeta máis limpo e con mellor saúde para as nosas fillas e netas”.

 

Os centros de ensino adscritos ao Plan Revitaliza foron o CEIP Noalla de Sanxenxo, o CEP Riomaior de Vilaboa, o IES Terra de Turonio e Gondomar, o CEIP Ramón de Valenzuela, p CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados, o IES Luis Seoane de Pontevedra, e o Colexio Plurilingüe San Fermín de Caldas de Reis, sendo instalados nestes catro últimos cadanseu composteiro.

 

Entre as actividades desenvolvidas ao longo do curso destacan tamén os traballos de investigación acerca das vantaxes do uso do compost como fertilizante, as tareas de concieciación ás familias da importancia dunha composteira na casa ou a creación dunha vermicomposteira para o estudo e identificación da anatomía e fisoloxía das miñocas e doutros organismos que interveñen no proceso de compostaxe, este último levado a cabo no centro de secundaria de Gondomar.