Manuel Domínguez, sobre o Plan Revitaliza

“Os nenos axiña se decatan de que a compostaxe é o lóxico”

Crianzas a participar no programa

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra -un proxecto impulsado polo vicepresidente da institución, César Mosquera (BNG)- ten no seu programa educativo un dos seus alicerces, unha aposta en ‘Apúntate á compostaxe’ na que tomaron parte 47 centros de ensino e na que participaron máis de 10.500 persoas, entre alumnado e profesorado. Falamos con Manuel Domínguez, biólogo e educador ambiental, é un dos responsábeis do proxecto.

Este 29 de maio ten lugar o congreso escolar que pon o ramo a esta tempada do programa educativo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra entre os centros de ensino da provincia. ‘Apúntate á Compostaxe´é o lema dunha iniciativa na que a comunidade escolar se implica a fondo.

 

-Cales son os obxectivos desta iniciativa e como é o desenvolvemento da mesma?

 

-Primeiro dicir que isto fai parte da oferta educativa de Revitaliza, un programa da Deputación de Pontevedra para levar a compostaxe aos concellos, para tratar mediante a compostaxe a compoñente orgánica do lixo doméstico, urbano. Ademais do que son as accións físicas como poñer composteiros e ter persoal para supervisalos, hai actividades de formación para adultos. Mais hai unha pata do proxecto que son as actividades en escola.

 

O programa educativo ten actividades a demanda dos centros, aos que se lles ofrecen charlas, obradoiros, visitas guiadas a composteiros comunitarios.. Ademais está o congreso escolar, no que os centros de ensino presentan un proxecto ao redor da compostaxe para desenvolver no seu centro. Un proxecto que pode ser desde calquera punto de vista, pode ser artístico, comunicativo, experimental, mixto… Os centros fan unha proposta e nós seleccionámolas. Hai unha pequena dotación económica para os custos do proxecto. E agora, a finais de maio, ten lugar a posta en común dos resultados. Os centros veñen e expoñen os seus programas. Non´é un encontro de educadores, é o propio alumnado quen presenta as comunicacións. Este ano hai escolares de Primaria e Secundaria, o ano pasado fixéramolo só de Primaria.

 

-Como é a recepción por parte do alumnado do programa, como se achegan á compostaxe, un tema que para moitos deles será descoñecido?

 

-O alumnado reacciona moi ben, ao igual que o profesorado. Tan pronto comezas a falar de compostaxe os nenos ven que é a opción lóxica. Unha tona de banana podemos poñela aquí no composteiro e facer abono, que é o que fai a natureza, ou darlle un paseo por todo o país en camión para levala a queimar a Cerceda. Os nenos entenden a lóxica do proceso.

 

O que si pasou aquí é que durante moio tempo déronse cousas por sabidas e hai moito mito, moito descoñecemento do que son os ciclos, os custos ambientais, polo que fan falta programas como este.

 

Unha tona de banana podemos poñela aquí no composteiro e facer abono, que é o que fai a natureza, ou darlle un paseo por todo o país en camión para levala a queimar a Cerceda

 

-Aquí o profesorado xoga un papel importante…

 

-Xoga, si. De feito,  no programa educativo hai unha actividade que é formación de profesorado coa que pretendemos darlle un fondo, por dicilo así, demais de dialogar con eles sobre estas cuestións. No programa participan 47 centros de ensino. O programa ofréceselle a todos os centros de ensino públicos e concertados de Infantil  e Secundaria dos concellos que están en Revitaliza. Incluso ofrecemos unha parte de actividades para concellos que non están no plan. Traballamos con máis de 10.500 persoas, a gran maioría escolares.

 

-Habería que incidir máis no propio ensino no que é a educación ambiental?

 

-Realmente a propia educación ambiental xa fai parte do currículum: o coñecemento do medio, bioloxía, ciencias naturais… Hai logo marxe para traballar nisto, para metelo na axenda.