35% da redución das listas de espera en dependencia débese á morte da persoa

A conselleira Fabiola García nunha visita a unha residencia. (Foto: Xunta da Galiza).
A atención a novos dependentes aumentou por baixo da media estatal.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciaba esta segunda feira na súa intervención no Debate do Estado da Nación un bono de 5.000 euros anuais para as persoas con dependencia grande ou severa que sexan coidadas nos seus domicilios por familiares. O presidente presentou esta axuda como exemplo do compromiso do seu Goberno no campo da dependencia. Porén, o investimento público en dependencia por habitante sitúase na Galiza 26,8% por baixo da media do Estado, segundo o Observatorio da Dependencia.

Este organismo fornece nas súas análises e estudos unha serie de datos que permiten coñecer polo miúdo a realidade do sistema da dependencia na Galiza, como por exemplo as listas de espera. Neste sentido, rexistra como "das 1.010 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación [en 2022], 35,35% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa e non pola xestión da comunidade autónoma". Así pois, un terzo da redución da lista de agarda é pola morte da persoa en espera e non por medidas ou actuacións do Goberno galego para reducir estas listaxes. Durante 2022 de media faleceron cada mes no país unha media de 30 persoas que estaban na lista de espera de dependencia.

Atención a novos dependentes

No último exercicio atendéronse 3.042 novos dependentes, o que supón un incremento (4,68%) a respecto do ano anterior. Porén ese incremento fica por baixo do que se produciu de media nos territorios do Estado e que foi de 7,47%, tres puntos por riba da Galiza.

Estes datos mostran algúns dos 'puntos negros' na atención á dependencia na Galiza, un campo no que a Xunta insiste en que a situación do país evoluiu a mellor ao longo destes 14 anos. 

Tempo de espera

Mais, por exemplo, en temas como o tempo de espera a Galiza continúa en rexistros que a sitúan á cola do Estado. O tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación sitúase na Galiza en 370 días,  segundo os últimos datos achegados polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), organismo dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, a 31 de xullo de 2023.

O tempo de agarda no país supera en 44 días a media do Estado, fixado en 326 días. A Lei de dependencia aprobada en 2006, que vai cara ás dúas décadas de vida, recollía na súa disposición final primeira que "o prazo máximo, entre a data de entrada da solicitude e a de resolución de recoñecemento da prestación de dependencia será de seis meses, independentemente de que a Administración competente estabelecese un procedemento diferenciado para o recoñecemento da situación de dependencia e o de prestacións".  A Galiza, pois, duplica ese tempo fixado por lei.

Un sistema de benestar que escora cara á privada

Na Galiza boa parte do sistema de atención ás persoas dependentes está concentrado en mans privadas. Así o constatou a Memoria Socioeconómica 2022 do Consello Económico e Social (CES).  A Galiza fechou 2022 cun total de 409 residencias de maiores, das que 52% son privadas (213), sendo apenas 22% residencias públicas (90 centros). 

As outras 106 son de iniciativa social (26%), concepto que engloba desde aquelas sen ánimo de lucro até a Fundación San Rosendo, o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza, con 67 centros e ao redor de 3.600 prazas asistenciais. Trátase dunha entidade ligada á Igrexa. A Xunta destinou nos orzamentos para 2023 perto de 100 millóns de euros para financiar as residencias privadas de maiores.