A resolución das axudas á dependencia tarda uns 370 días

A espera na Galiza para dependencia sitúase en 370 días. (Foto: Xunta da Galiza)

O tempo de agarda para a resolución dos expedientes de dependencia non deixa de medrar na Galiza. A maiores, o número de solicitantes non para de incrementarse, alcanzando as 83.324 persoas en xullo.

O tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación situouse na Galiza en 370 días. Segundo os últimos datos achegados polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), organismo dependente do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a 31 de xullo de 2023 o tempo de agarda no país supera en 44 días a media do Estado, fixado en 326 días.

A Galiza rexistra dos peores datos do Estado nesta materia. O tempo de agarda no país só é inferior ao de Canarias, con 782 días, ao de Andalucía, con 532 días, e ao de Murcia, con 498 días. Neste sentido, outras comunidades con poboación moi envellecida, como Castela e León ou Asturias, presentan períodos de espera moito máis reducidos, situándose no primeiro caso en 125 días e no segundo en 280 días.

As listas de agarda para a dependencia acumulan grandes atrasos. A este respecto, o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 certifica que a  31 de xullo de 2023, na Galiza había 83.324 persoas pendentes de resolución de grao da dependencia ou de Programa Individual de Atención (PIA). Nesta liña, 416 cidadáns e cidadás levan esperando máis de seis meses polo primeiro trámite e 22.046 polo segundo.

Aliás, a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais cuestiona estas cifras e considera que “o número de cidadás e cidadáns galegos que esperan unha prestación é moi superior aos recollidos nas estatísticas oficiais, elaboradas a partir dos datos achegados pola administración xestora”.

Ademais, as listas de demandantes de dependencia atópanse na Galiza á cabeza do Estado. Só Andalucía con 413.318 persoas, Catalunya con 370.884 e Madrid con 234.175 presentan uns números peores, se ben a poboación destas comunidades supera de longo a galega, chegando a triplicala en todos os casos.

Investimento en mínimo da Xunta da Galiza

Os datos da Galiza coinciden cunha redución do investimento da Xunta en benestar social. De facto, segundo as cifras que vén de facer públicas a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) a través do Observatorio de Información Económica e Financeira das Comunidades Autónomas, en 2022 o gasto social por persoa na Galiza situouse en 300 euros anuais, un euro menos en relación co exercicio anterior, malia terse incrementado o custo da vida nese período en 6,4%.

A Galiza atópase á cola do Estado en investimento en servizos sociais. A este respecto, a Airef sinala que o gasto medio por habitante no país é 78 euros inferior á media do Estado, con só Euskadi e Murcia investindo menos que a Galiza. Neste sentido, Euskadi destina a servizos sociais 256 euros ao ano por persoa e Murcia 273. Precisamente, en 2022 superaron Galiza en gasto social Aragón e Canarias, que tradicionalmente presentaban un esforzo investidor menor. A maiores, o custo destas prestacións no país son máis elevados que a media do Estado.