34.961 persoas morreron na Galiza durante o ano 2022 e só naceron 14.554

Expertos sinalan a necesidade de mellorar a estabilidade laboral das mulleres e de apostar por políticas sociais. (Foto: Europa Press)
A poboación galega comeza a baixar de maneira sostida. 

A Galiza rexistrou un total de 14.556 nacementos e 34.961 mortes en 2022, segundo os datos que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, ademais de as mortes superaren o dobre dos nacementos, o número de nados diminuíu con respecto a 2021. 

O ritmo de caída de nacementos na Galiza en 2022 é menor ao 3% de descenso acumulado no ano 2021. Da mesma maneira, o 1,56% de descenso sufrido en 2022 é lixeiramente inferior ao ritmo de retroceso na media do Estado español, 2,08%. No tocante só ao mes de decembro, naceron 1.189 crianzas na Galiza, o que se traduce en 52 menos que un ano antes, segundo os datos publicados onte polo INE. 

Porén, a pesar do alarmante que poida parecer o descenso do número de nacementos na Galiza, as persoas especialistas en demografía insisten en que os números de alumeamentos en abstracto "non din nada". O que interesa, din, é a taxa de fecundidade ou número de fillos por muller en idade fértil.

"Esta taxa é a que marca a tendencia de fondo que vimos sinalando desde hai moito tempo: a fecundidade galega está polo chan", afirma a Nós Diario o profesor da USC Valerià Paül, doutor en Xeografía e investigador no Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega).

Aumento das nais de máis de 40 anos

Os datos publicados onte polo INE reflicten, por idades das nais, un incremento entre as maiores de 40 anos: 2.202, 69 máis que as 2.133 do ano 2021. 

O grupo de idade máis grande entre as nais en 2022 é de 35 a 39 anos (4.877), seguida de 30 a 34 anos (4.472). Houbo dúas nais de menos de 15 anos e un total de 12 de 50 anos ou máis. 

A respecto da taxa de fecundidade galega Paül destaca que "os datos que temos din que non é que as mulleres galegas non queiran ter fillos, senón que están sometidas a un proceso brutal de precariedade laboral estrutural", sentencia o investigador. "Por outro lado, as carreiras profesionais das mulleres, tal e como están estruturadas, fican estancadas cando son nais", engade.

Estes dous aspectos fan que as mulleres galegas adíen a decisión de ter fillos até pasados os 35 anos, "até o punto de que ter máis dun fillo é complexo". 

Os traballos desenvolvidos polo grupo de investigación do que forma parte Paül reflicten que a taxa sintética de natalidade ideal sería de 2,1 (o que os expertos consideran taxa de substitución). Porén, a taxa galega sitúase actualmente por baixo de 1. "Isto é un problema social, non das distintas mulleres individualmente", afirma Paül. 

A baixa fecundidade e natalidade entre outros factores provocaron que a poboación galega, globalmente, estea baixando. Non obstante, está compensada por dous elementos. "Por unha parte, hai migración, pero unha migración que polo que sabemos non se sostén no tempo. E por outra, temos migración de retorno de persoas en idades moi avanzadas, especialmente xubiladas", explica Valerià Paul.

Estes dous aspectos que sinala o xeógrafo implican un sobreavellentamento da poboación galega. "A poboación galega está comezando a baixar sostidamente, e baixará moitísimo máis", sentencia Paül. 

Máis estabilidade laboral e máis servizos sociais

Estudos demográficos levados a cabo pola Universidade de Santiago de Compostela demostran que as mulleres galegas queren ter fillos. Porén, a sociedade actual non achega as medidas necesarias para que iso suceda. "Ou se fai unha política decididísima de conciliación, de servizos sociais como son as escolas infantís, de políticas de conciliación e de políticas laborais que impidan a parálise das carreiras profesionais das nais, ou isto non vai cambiar", afirma o doutor Valerià Paül. 

As investigacións demográficas realizadas a respecto da taxa de fecundidade das mulleres galegas semellan indicar que para reverter a súa baixada serán necesarios non só medidas como a Tarxeta Benvida da Xunta da Galiza, senón unha reforma integral da sociedade actual.